Os nenos e nenas de Moraña editan o seu primeiro libro sobre igualdade

Umia
10 de marzo 2019

Máis dun cento de persoas asistiron na Casa da Cultura á presentación de O libro violeta das nenas e nenos de Moraña, unha iniciativa impulsada polo departamento de Servizos Sociais e o CPI Santa Lucía coa que se pretende introducir á poboación infantil na educación e os principios da igualdade

Presentación de "O libro violeta das nenas e nenos de Moraña"
Presentación de "O libro violeta das nenas e nenos de Moraña" / Concello de Moraña

Máis dun cento de persoas asistiron na Casa da Cultura á presentación de O libro violeta das nenas e nenos de Moraña, iniciativa impulsada polo departamento de Servizos Sociais e o CPI Santa Lucía coa que se pretende introducir á poboación infantil na educación e os principios da igualdade.

Este acto público, que contou coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, serviu para presentar aos veciños unha publicación que comezou a elaborarse a finais do pasado outono en torno á xornada reivindicativa do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A creación deste libro, que estivo coordinado durante estes meses pola orientadora escolar e pola psicóloga municipal, pretende seguir afondando na cultura da igualdade, fortalecer a participación infantil activa cun relato compartido e un proxecto comunitario e visibilizar cara a sociedade de Moraña a reflexión das nenas e dos nenos sobre esta cuestión.

A publicación está deseñada en torno á natureza e os traballos da mesma distribúense en catro grupos segundo a idade escolar.

Así, os rapaces dos dous primeiros cursos de Primaria elaboraron o bloque "As follas da árbore da igualdade", os de terceiro e cuarto encargáronse de "As flores", os de quinto e sexto realizaron o de "Os froitos" e os de Secundaria crearon a sección "O bosque".

Esta concepción do libro espertou moito interese na responsable autonómica, que cualificou a actividade en torno á árbore da igualdade de Moraña como "única" e anunciou a súa intención de darlle máis percorrido e traxectoria en Galicia cun formato que se determinará nas vindeiras semanas.

Ao remate desta segunda edición do libro violeta, que no ano anterior se elaborou coas mulleres de todas as parroquias do municipio, os nenos e nenas presentes recibiron un exemplar como agasallo.