Os negocios hostaleiros xa poden solicitar a exención do pagamento da taxa do lixo

Poio
02 de febreiro 2021

Xa está aberto o período de presentación de solicitudes para o empresariado de establecementos de hostaleira que se viron obrigados a cesar a súa actividade. Esta bonificación do 100% xa foi impulsada para axudar a todos os negocios que tiveron que pechar as súas portas durante o confinamento na primavera de 2020

Rúa Francisco Regalado en Combarro
Rúa Francisco Regalado en Combarro / Concello de Poio

As novas medidas restritivas establecidas pola Xunta de Galicia para poñer freo ao espallamento do virus nesta terceira onda da pandemia leva ao goberno local de Poio a ser partidario de impulsar unha nova exención do pago do recibo do lixo para todos aqueles establecementos hostaleiros que se atopan sen actividade.

Esta medida tamén se adoptou durante 2020 con motivo do confinamento e a paralización da actividade profesional de numerosos negocios, empresas e profesionais autónomos. Ao redor de cincuenta negocios puidéronse acoller a esta bonificación do 100% ao cumprir cos requisitos esixidos para optar a esta exención da taxa. Agora, a empresa encargada do servizo de xestión dos lixos aplicará a bonificación, con carácter retroactivo, no sexto recibo bimensual do ano pasado ata completar o importe total equivalente ao período de cesamento de actividade. Aplicaranse nos bimestres sucesivos no caso de que sexa necesario. 

Tamén en novembro adoptábase esta mesma decisión ante as novas medidas restritivas. Precisamente, o Concello de Poio notificaba este martes que o Boletín Oficial da Provincia (Boppo) publicou a aprobación definitiva da segunda modificación da ordenanza, que foi aprobada por acordo plenario en novembro. Ábrese agora un prazo para que as persoas interesadas presenten solicitudes ao longo de 30 días hábiles. Deberán presentar documentación que acredite o cesamento, ademais dunha copia do informe laboral que o acredite, a documentación sobre a aplicación de ERTEs en caso de producirse e a copia do último recibo do lixo.

Despois publicarase unha lista provisional de admisión das solicitudes e abrirase un novo período, de cinco días, para que se presenten alegacións. Unha vez aprobada a lista definitiva, trasladarase á empresa a orde da aplicación ás bonificacións no recibo bimensual que corresponda.

A intención do goberno local é que se adopten outras medidas de axuda ao sector da hostalería coa exención das taxas de ocupación de terrazas que se atopen en solo de titularidade municipal e o alugueiro dos quioscos da Seca e de Costa Xiráldez durante o tempo en que permanezan pechados ao público.