Os mundiais de tríatlon de 2019, centro da promoción de Pontevedra en Fitur

Pontevedra
11 de xaneiro 2018

Pontevedra converterase en 2019 na capital mundial do tríatlon. A Boa Vila acollerá o denominado ITU Multisport Festival, un evento que agrupa os campionatos do mundo de dúatlon, acuatlón, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia. E o Concello está decidido a aproveitalo ao máximo, converténdoo nun eixo estratéxico da súa promoción turística

Competición dos Grupos de Idade no Mundial de Dúatlon
Competición dos Grupos de Idade no Mundial de Dúatlon

Pontevedra converterase en 2019 na capital mundial do tríatlon. A Boa Vila acollerá o denominado ITU Multisport Festival, un evento que agrupa os campionatos do mundo de dúatlon, acuatlón, tríatlon cros e tríatlon de longa distancia. E o Concello está decidido a aproveitalo ao máximo, converténdoo nun eixo estratéxico da súa promoción turística.

Tras anos sen presenza específica en Fitur, a maior feira turística de España, Pontevedra presentará en Madrid esta cita deportiva. Será o vindeiro xoves 18 de xaneiro. Ata alí trasladarase o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro. Estarán convidados, ademais, numerosos deportistas e personalidades galegas.

Ademais, Pontevedra aproveitará esta cita feiral para contactar con empresas que están interesadas en converterse en patrocinadores desta cita deportiva. Tamén haberá contactos con operadores de turismo e xornalistas especializados.

O acto, que terá lugar na caseta de Turismo de Galicia, desvelará a imaxe do ITU Multisport Festival e aproveitarase para estrear o vídeo promocional e os folletos en papel que se encargou para publicitar este campionato. 

Anxos Riveiro explicou que a presenza do Concello en Madrid forma parte da planificación que se deseñou para aproveitar turisticamente a celebración destes catro mundiais en Pontevedra e ao que acudirán numerosos deportistas de Europa, Estados Unidos, Australia ou Xapón, entre outros, polo que o retorno económico pode ser notable.

Así, están a estudarse novos eventos en localidades vinculadas co mundo do tríatlon como Barcelona ou Eivissa, aínda que aínda estar por concretarse.

A edil de Deportes explica que este esforzo enmárcase dentro da convicción que existe no goberno municipal de que estes eventos deportivos contribúen a promocionar turisticamente Pontevedra, posicionándoa como destino para todas aquelas persoas que, ademais de visitala, aproveitan para adestrar ou gozar dun tempo de lecer ao aire libre.