Os mozos de 16 a 19 anos xa poden pedir autocita para vacinarse en agosto

Pontevedra
22 de xullo 2021

Feijóo anunciou que "en cuestión de horas", e sen anuncio previo, este xoves déronse 6.000 citas. Ademais, poñerase ao dispor da poboación adolescente outros 11.000 ocos este venres. Esta franxa de idade ten, coa de 20 a 29, a maior incidencia acumulada en Galicia, con máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes

Vacina fronte á covid-19
Vacina fronte á covid-19 /

A Consellería de Sanidade abriu o sistema de autocita para que os mozos de 16 a 19 anos poidan vacinarse fronte á covid-19. O sistema xa empezou a funcionar este xoves e deu as primeiras citas para este colectivo para a primeira semana de agosto. 

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este xoves a apertura da  autocita, que "en cuestión de horas", e sen anuncio previo, este xoves deu 6.000 citas. Ademais, poñerase ao dispor da poboación adolescente outros 11.000 ocos este venres.

Esta franxa de idade, xunto coa de 20 a 29 anos, é a que acumula nestes momentos unha maior incidencia acumulada en Galicia, con máis de 1.000 casos por cada 100.000 habitantes, de modo que a Xunta decidiu adiantar a súa citación.

"Abrimos esta autocitación por este impacto na incidencia", explicou o presidente galego, que tamén quixo destacar a "amplísima demanda" das primeiras horas de  autocita, que significa que "os mozos se queren vacinar e iso é unha gran noticia".

Ademais, a partir da próxima semana xa empezará a funcionar o sistema de cita ordinaria para a poboación de 20 a 29 anos.

A autocita tamén permite xa pedir oco para vacinarse aos colectivos que xa acabaron a fase de citas 'forzadas', pasando a abrirse aos de 30 a 39.

Feijóo insistiu este xoves, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, en que a vacinación é "a medida máis eficaz" para acabar coa pandemia e volveu a criticar que as vacinas "seguen sendo insuficientes".