Os mestres composteiros resolven as dúbidas á veciñanza de Meis polo novo centro de compostaxe

O Salnés
09 de decembro 2019

Os mestres composteiros da Deputación estiveron este luns na Praza da Feira para dar información e consultar dúbidas sobre a instalación que comezará a funcionar en breve

Carpa do Plan Revitaliza en Meis
Carpa do Plan Revitaliza en Meis / Deputación de Pontevedra

Os mestres composteiros do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra achegáronse este luns ao concello de Meis para falar de compostaxe coa veciñanza. A carpa informativa que se instalou na Praza da Feira recibiu a ducias de persoas interesadas en facer que o lixo orgánico teña unha nova vida e se convirta en compost.

Os veciños acudiron de forma continua durante toda a mañá e atenderon ás explicacións do persoal técnico provincial sobre como funcionan os centros de compostaxe comunitaria. Tamén resolveron as dúbidas que tiñan, principalmente sobre o tipo de lixo que se pode botar no composteiro e o que non. Os asistentes, amais, puideron recoller diferente material divulgativo e de concienciación para que compostar sexa aínda máis sinxelo (imáns, guías, bolsas…).

O Concello de Meis foi un dos últimos en adherirse ao Revitaliza, mais nestes momentos xa ten en marcha a instalación dun novo centro de compostaxe comunitaria, que se ubicará no propio campo da feira. De feito, os mestres composteiros animaron á veciñanza da zona a achegarse ao punto de compostaxe e preguntar cantas veces quixeran as súas inquedanzas.

O punto informativo do Revitaliza leva percorrendo a provincia xa varios meses e, novamente, o interese espertado ten sido moi alto, tanto no referido á compostaxe individual con composteiros de horta, como á compostaxe comunitaria nos diferentes concellos. De feito, hai zonas nas que xa hai lista de agarda para poder obter un composteiro individual ou para solicitar centros de compostaxe comunitaria en máis zonas.

As actividades de información sobre o Plan Revitaliza pretenden xerar unha dinámica de impulso da compostaxe como un modelo de xestión do lixo ambientalmente sustentable, achegando de maneira lúdica e sinxela á veciñanza que é compostar: dar unha nova vida aos residuos orgánicos para que volvan de novo á terra como fertilizante natural e xeren novos produtos, fomentando así a economía circular en lugar de queimalos ou envialos a un vertedoiro.