Os mesmos prezos de sempre pero menos visitantes na Feira do Mel

Pontevedra
12 de agosto 2013

Os apicultores da Feira do Mel cren que a actual ubicación, ante o Mercado de Abastos, prexudícaos durante as tardes ao non ter actividade na praza

Dende o sábado 10, a Feira do Mel está en marcha ante o Mercado de Abastos. Nesta ocasión son menos postos de venda ao público. Gerardo Vidal, apicultor de Combarro explica que nestas primeiras xornadas se está a notar un baixón de asistentes salvo durante a mañá do sábado no inicio das festas da Peregrina: "O resto de días sobre todo pola tarde esta zona está moi morta. O mercado só se move pola mañá. Hoxe, luns, case non hai venta e nese sentido estamos apartados. O tema da crise tamén se nota. O mel é un dos produtos dos que se pode prescindir".

Ante esta situación, sinala que os compradores levan menos cantidade que en anteriores edicións pero que os clientes seguen sendo fieis: "Suelen levar para todo o ano, outros levan unha parte e despois contactan con nós para conseguir máis. Xa hai un mercado establecido".

O mel segue sendo o produto estrela pero os derivados contan, cada vez, con máis tirón: propóleo, cosméticos elaborados con mel, favos...

Os prezos seguen sendo os mesmos do 2011 e con ironía Gerardo Vidal comenta: "cando comezamos vendíase a mil pesetas e agora a 6,50 aos de quilo e a 4 aos de medio. Seguimos vendendo ao mesmo prezo".

Os apicultores sinalan que, ademais, está a ser un ano malo de produción na zona das Rías Baixas: "na beira do mar onde predomina o eucalipto polas chuvas na floración porque florece entre decembro e abril, e a partir de marzo veu a chuvia e varreu a flor. Na zona interior suele sacarse máis mel. Non é tan crítico como aquí onde o que hai é eucalipto e se non temos tempo adecuado... e o eucalipto nunca se produce coa mesma intensidade. O ano pasado tamén pola sequía. Hai que ir adaptándose a todas as situacións. Hai que facer trashumancias".

Esta 23 edición continuará ata o domingo 18 cun horario de 11 a 14 horas polas mañás e de 18 a 22 polas tardes.

Arquivado en