Os menores de 36 anos terán prioridade para lograr a metade das 74 novas vivendas de promoción pública de Valdecorvos

Pontevedra
09 de xullo 2024

As 74 novas vivendas de promoción pública da rúa Prado Novo xa están en obras e está previsto que estean rematadas a finais de 2025 ou, "como moi tarde", no primeiro trimestre de 2026. Alfonso Rueda, María Martínez Allegue e Miguel Anxo Fernández Lores deron mostra de boa sintonía nesta materia

Inicio das obras de 74 novas Vivendas de Promoción Pública (VPP) en Valdecorvos
Inicio das obras de 74 novas Vivendas de Promoción Pública (VPP) en Valdecorvos / Mónica Patxot

As 74 novas vivendas de promoción pública que promove a Xunta de Galicia na rúa Prado Novo, no barrio pontevedrés de Valdecorvos, xa están en obras e está previsto que estean rematadas a finais de 2025 ou, "como moi tarde", no primeiro trimestre de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda; a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue; e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitaron este martes a zona con motivo do inicio das obras e deron mostra de boa sintonía entre os gobernos local e autonómico no relativo ao impulso de vivenda de promoción pública, con intercambio de agradecemento entre administracións

A visita permitiu coñecer novos detalles sobre este proxecto, do que a conselleira Martínez Allegue sinalou que vai  dar prioridade á persoas menores de 36 anos. Así, a metade das 74 novas vivendas vanse reservar para este colectivo. 

O proxecto supón un investimento de 14,2 millóns de euros para a construción de 74 vivendas distribuídas en catro bloques de 6 pisos con prazas de aparcamento, zonas verdes e paneis solares. Serán para aluguer e venda e cumprirán criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Lucas Diaz Sierra, de Diaz y Diaz Arquitectos, destacou que haberá 74 vivendas 174 prazas de garaxe e 74 rochos.

Martínez Allegue destacou que esta obra suporá "un proxecto de futuro para 74 familias" e Alfonso Rueda sinalou a importancia deste tipo de proxectos para "pasiño a pasiño" contribuír a dar resposta a un dos grandes problemas que hai na actualidade, a falta de vivendas. De feito, recordou o compromiso do seu Goberno para "dobrar o parque público de vivenda en Galicia".

Para cumprir ese compromiso, Rueda destacou que teñen intención de "facer todas as que poidamos onde se nos dean facilidades e aquí en Pontevedra se nos están a dar". Destacou, así, a colaboración do Concello en canto a dispoñibilidade de terreo e a axilización na tramitación das licenzas. "Todo iso contribúe a facer cidade e a mellorar a vida da xente", sinalou. 

Xusto antes, Lores amosara esa boa sintonía entre administracións dando os seus "parabéns" á Consellería de Vivenda por adxudicar esta obra para dar resposta  á "necesidade de vivenda pública" que se acumulara na cidade desde que en 2016 se inaugurou o último polígono tamén en Valdecorvos. 

O alcalde lembrou que a falta de vivenda é "un problema realmente complexo" que se vive en toda España e Galicia e tamén en Pontevedra e asegurou que o Concello seguirá ofrecendo "todas as facilidades do mundo" para a construción de vivenda pública e obras doutras administracións. Insiste , iso si, en que sexan proxectos situados, como moi lonxe, a 1,5 quilómetros das praza da Peregrina, dentro do seu modelo de "facer unha cidade compacta". 

Nesta liña, os representantes do Concello e da Xunta sinalaron este martes que tres das parcelas cedidas polo Concello para vivendas con algún tipo de protección xa foron aceptadas, unha en Valdecorvos e outras en Tafisa e na Parda.

Alfonso Rueda coincidiu con Lores en que a ausencia de vivenda é "un problema fundamental a día de hoxe" e destacou o seu compromiso para a construción de 375 inmobles protexidos nos primeiros 100 días de goberno e de pasar de 4.000 vivendas actuais a 8.000 en 2028.