O vindeiro luns 25 de xullo, o Concello de Marín celebrará o Día de Galicia cun acto institucional a partir das 13.00 horas no que a alcaldesa, María Ramallo, lerá un escrito referente á celebración desta festa, entregaranse 500 mochilas conmemorativas desta data e interpretarase o himno galego.
O acto terá lugar no Palco da Música da Alameda, que á súa vez acollerá a XXIII romaría popular organizada pola Asociación Cultural Trompos Ós Pés, que contará coa presenza de artesáns de toda Galicia que abrirán os seus postos a partir das 10.30 horas. Ademais, ás 12.00 horas, actuará o grupo folclórico e a escola de Trompos Ós Pés.
A partir das 18.00 horas, haberá xogos tradicionais, e ás 20.00 horas tocarán Treboeiros de Muimenta (Treboada). Ás 20.30 horas, celebrarase un sorteo de agasallos doados polos artesáns e expositores.
Ás 21.00 horas será o momento do canto popular con Asxupen (O Grove), Garatuxa (Vigo) e Ferriñas (Marín). O día clausurarase ás 22.30 horas cunha queimada de balde.
ALFOMBRA FLORAL
Marín sumarase ao proxecto Alfombra Mundial Xacobeo 2022 coa confección dunha alfombra floral na Alameda por parte do grupo de alfombristas que normalmente se encarga de realizar estas creacións na zona do Templo Novo.
Este é o segundo ano no que Marín se suma a esta iniciativa de alfombra floral con motivos do Camiño de Santiago, que tamén se representa en diversos países do mundo. Poderá verse o luns 25 de xullo no lateral do Palco da Música.