Os mariñeiros que auxiliaron ao Villa de Pitanxo aseguran que o patrón cambiou a súa versión varias veces

Marín
30 de novembro 2022

Trece dos mariñeiros do Praia de Menduíña 2, o barco que rescatou aos tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo en Canadá, relataron este mércores que o patrón do buque sinistrado, Juan Padín, cambiou varias a súa versión sobre o sucedido

O patrón do 'Villa de Pitanxo', Juan Padín, na Audiencia Nacional
O patrón do 'Villa de Pitanxo', Juan Padín, na Audiencia Nacional / EFE / Mariscal

Trece dos mariñeiros do Praia de Menduíña 2, o barco que rescatou aos tres sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo en Canadá, relataron este mércores que o patrón do buque sinistrado, Juan Padín, cambiou varias a súa versión sobre o sucedido.

Así llo trasladaron ao xuíz da Audiencia Nacional que investiga este naufraxio, Ismael Moreno, segundo confirmaron fontes xurídicas.

Todos eles ratificaron desta maneira as súas declaracións previas ante a Garda Civil, asegurando que só Padín, o seu sobriño e o cociñeiro do Villa de Pitanxo -falecido no naufraxio- levaban traxe de supervivencia. O resto vestían roupa de rúa, dixeron.

O avogado que representa ás familias dos 21 falecidos, Manuel Lampón, explicou que nun principio o patrón sinalou que "o barco embarrara, escorara e empezou a entrar moita auga de popa" e iso foi o que "acabou provocando a parada do motor".

Ademais, o letrado asegurou que "nunca se chegaron a arriar os cables", como, segundo sostén outro dos sobreviventes, Samuel Kwesi, pediron os mariñeiros a berros ao patrón, de modo que "finalmente o buque afundiu".

As testemuñas, con todo, afirman que este relato cambiou para axustarse á versión ofrecida pola empresa armadora, que dixo que o motor principal parou de forma repentina e que as condicións meteorolóxicas provocaron a entrada de auga que orixinou cada vez maior escora.

Os mariñeiros declararon ante o xuíz que o sobriño do capitán do Villa de Pitanxo e, nalgún caso tamén o propio patrón, advertiron a Samuel Kwesi de que tivese coidado co que dicía, explicou o avogado.

Algúns tripulantes ofreceron ao xuíz duros relatos do que viron ao chegar ao lugar do naufraxio.

Así, un deles contou como, desde unha pequena embarcación, tivo recoller os corpos -algúns en malas condicións- de varios mariñeiros falecidos, con quen mesmo faenara nalgunha ocasión e a quen só podía agarrar polas súas botas.

Cando o Praia de Menduíña 2 chegou ao lugar do naufraxio as condicións meteorolóxicas melloraran, pero as testemuñas subliñaron que no momento do afundimento eran moi adversas, con ondas de ata sete metros, condicións nas que non se debe traballar.