Os mariñeiros de Mauritania piden a intervención de Feijóo: "se non actúa non hai esperanza"

Marín
23 de xaneiro 2013

Os afectados convocaron unha nova manifestación en Marín o día 15 de febreiro, cando se cumpran seis meses e medio do amarre da frota e días antes de que a Unión Europea reformule o pacto pesqueiro con co país africano

O conflito da frota cefolopodeira de Mauritania encara a súa recta final despois de que a Unión Europea anuncie que intentará mellorar o pacto pesqueiro co país africano. Iso sucederá a partir do 19 de febreiro nunha comisión mixta cuxa composición provocouna a oposición de gran parte dos eurodeputados ao acordo asinado.

En Bruxelas estaba unha delegación galega composta por tres respresentantes das embarcacións afectadas e o responsable de CIG-Mar Xabier Aboi, "estamos a chegar á batalla final que significará que 21 barcos galegos, con tripulantes e mariñeiros galegos, poidan seguir faenando ou que vaian ao desguace".

En busca do apoio necesario nesta recta final os mariñeiros, como anuncia Aboi, buscarán a implicación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "se queren que haxa flota ten que actuar ou presidente da Xunta, se non é así non hai esperanza".

O colectivo de afectados convocou ademais unha concentración na Alameda de Marín para o día 15 de febreiro ás 20:00 horas, data en que se cumpren seis meses e medio de amarre da frota e tan só uns días antes de que a Unión Europea volva discutir o asunto, "defendemos o dereito que temos como cidadán galegos e europeos a poder vivir do noso traballo. Europa, nun momento con máis de 300.000 parados en Galicia ou seis millóns non estado, non pode permitir que 20 empresas se vaian ao garete e 400 persoas queden tiradas"

Por outra banda os mariñeiros desprazados a Bruxelas denuncian o abandono da administración autonómica e do Goberno, como asegura Xabier Aboi, "alí había unha delegación con deputados canarios, pero de Galicia ninguén e ao Goberno nin se lle espera".

Arquivado en