Os Maios de Pontevedra repartirán un total de 4.000 euros en premios

Pontevedra
10 de abril 2017

A Concellería de Festas de Pontevedra abriu o prazo de inscrición, ata o 27 de abril, para o Concurso de Maios 2017. A celebración terá lugar na Praza da Ferrería, o 1 de maio ás 11:00 horas, cun total de 4.000 euros en premios.

Concurso de maios en Pontevedra
Concurso de maios en Pontevedra / Diego Torrado

A Concellería de Festas de Pontevedra abriu o prazo para inscribirse no Concurso de Maios 2017. Do mesmo xeito que o ano anterior terá lugar na praza da Ferrería, o 1 de maio ás 11:00 horas, cun total de 4.000 euros en premios.

O último día para inscribirse é o 27 de abril ás 13:00 horas no Concello de Pontevedra e poden participar todo os grupos, asociacións e centros educativos. Por outra banda, o xurado estará composto por un representante de cada un dos grupos políticos con representación municipal e un máximo de catro persoas con coñecementos sobre a Festa dos Maios de Pontevedra.

Os maios presentados deben ser tradicionais de Pontevedra, ademais de ter unha forma cónica e alcanzar unha altura comprendida entre 1,5 e 2 metros. Tamén deben estar adornados con produtos tradicionais (fiúncho, pampillos, margaridas, laranxas e ovos), senón poderán ser penalizados. Tamén se aceptan produtos locais tradicionais (cartuchos, calas, camelias, rosas silvestres e bandeiras de papel).

Outro aspecto importante é non mostrar os materiais cos que está formada a estrutura, excepto os pés e ándalas que son de madeira. Se o maio presenta unha coroa, esta non debe permitir que se vexan os materiais da estrutura. Teranse en conta elementos de tipo técnico como a uniformidade e a elaboración pero tamén artísticos, como a súa distribución e composición á hora de ser valorados.

As cantigas serán analizadas e xulgadas polo ritmo, a composición, a retranca e a linguaxe utilizados. A consecuencia penalizarase o uso de palabras mal sonantes e  coplas de anos anteriores.

No caso das interpretacións avaliarase o emprego do canto tradicional do maio de Pontevedra, do mesmo xeito que o ritmo e a entoación. Terase en estima aqueles que usen materiais de acompañamento como paus de man.

Os premios divídense en catro categorías (mellor maio, cantiga, interpretación e coroa), en cada unha delas o podio dos premios é de 350, 300, e 250 euros. Por outra banda, está o premio especial do xurado de 300 euros e o premio especial de maios que consiste nunha figura. Sen embargo, os integrantes do equipo de calquera maio concursante terá dereito á rosca tradicional e a unha gratificación de 150 euros.