Os investimentos propios de Cerdedo-Cotobade ascenderán en 2017 a case un millón de euros

Cerdedo-Cotobade
01 de abril 2017

Deste xeito, e tendo en conta as obras que tamén van acometer outras administracións no municipio neste ano, o plan de investimentos inicial do presente exercicio sitúase nunha cifra récord de 6,2 millóns de euros, segundo destaca o Concello

Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade
Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

O goberno municipal de Cerdedo-Cotobade aprobará os primeiros orzamentos do municipio fusionado no pleno que se celebrará o próximo xoves 6 de abril. E neles, segundo avanzou o Concello, incluirase un plan de investimentos propios que alcanzará os 945.000 euros, o que supón case o 20% do total do orzamento, que será de 4,9 millóns.

Este plan inclúe un total de 24 obras, en practicamente todo o territorio municipal, que se centrarán na mellora de vías, parques infantís, saneamento e depuración, traídas de augas e outros servizos veciñais.

Así, rematarase o campo da festa e o aparcadoiro en Figueroa (147.253 euros), faranse depósitos de agua en Tresaldeas, Os Castros-Outeiro, Framil-Peniñas e Vilalén (111.207 euros), habilitarase un local social en Filgueira (89.224 euros), construiranse parques infantís en Viascón e Borela (73.961 euros) e Casas do Pobo en Augasantas e Almofrei (83.894 euros).

Tamén se acometerán, entre outras actuacións, a mellora dos accesos ao balneario de San Xurxo, A Longa, Vilanova, Chamadoira e Cuspedriños (120.028 euros), reformarase o campo da festa de Almofrei (22.334), melloraranse camiños en Borela (47.992 euros) ou actuarase na depuradora de Paraños (36.198 euros).

Deste xeito, e tendo en conta as obras que tamén van acometer outras administracións no municipio neste ano, o plan de investimentos inicial do presente exercicio sitúase nunha cifra récord de 6,2 millóns de euros

A Xunta acometerá a construción do Centro Autonómico de Recuperación de Fauna Salvaxe (686.000 euros), o saneamento integral da parroquia de Tenorio (1,85 millóns), a mellora da estrada PO-234 no treito de Augasantas (653.000 euros), a humanización do acceso á igrexa de Tenorio (120.000 euros), a depuración de augas de Cerdedo (200.000 euros), as accións de aforro enerxético e mellora de fontes e lavadoiros (120.000 euros), ou as melloras viarias e de seguridade vial en Fentáns (110.000 euros) e Vila de Arriba (192.000 euros).

Pola súa banda, o Ministerio de Fomento afrontará a construción do enlace de Calvelo (720.000 euros) e a a mellora da vía Serrapio-N-541 (600.000 euros). 

A estes investimentos, segundo o Concello, poderían sumarse outras actuacións en trámite como a ampliación da residencia de Cerdedo, a reforma da Praza do Concello de Cerdedo, o depósito da Chamadoira, a renovación da sinalización informativa nos accesos por estrada, o saneamento de A Longa, Vila de Arriba e Dorna, na zona de Sacos, ou a humanización da Praza da Chan de Carballedo, que está cifrada nuns 700.000 euros.