La XIV edición da Feira Franca estará dedicada aos inventos da época. ÿ a temática elixida polo Consello Aberto, que se reuniu este mércores para comezar a perfilar os detalles dunha festa que se celebrará os días 6 e 7 de setembro. Segundo a concelleira de Festas, Carme da Silva, débese a que en Galicia e en Pontevedra, en concreto, "existían moitos inventos nesa época relacionados coa mellora dos sistemas de navegación".
A este encontro, ao que asistiron a práctica maioría dos colectivos e asociacións que participan no Consello Aberto, fíxose unha valoración moi positiva da pasada organización cun bo funcionamento de todos os protocolos e dispositivos de seguridade, a situación e decoración dos postos e establecementos participantes, entre outras moitas cousas.
O Consello acordou por unanimidade trasladar unha felicitación a todos os departamentos municipais e empresas colaboradoras coa Feira (Policía Local, Bombeiros, Protección Civil, concesionaria do lixo) polo bo traballo realizado. Tamén acordou por unanimidade non modificar o ámbito de celebración da Feira Franca para "non devaluar a calidade da festa e a participación".
Carme da Silva informou ademáis ao Consello de que o Concello de Pontevedra aínda non ten coñecemento oficial de que a Feira Franca fose declarada Festa de Interese Turístico de Galicia. Resta que sexa aprobado polo Consello da Xunta e, segundo a concelleira, "ata que non sexa definitivo preferimos ser cautos e non promocionarnos como tal".