Pasadas as nove da mañá deste luns 15 de abril, os conselleiros prometeron ou xuraron os seus cargos ante o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Previamente déronse cita no Hostal dos Reis Católicos desde onde os integrantes do novo Goberno galego acudiron andando ata o pazo de Raxoi, a sede institucional do Executivo autonómico na praza do Obradoiro, facendo un posado para os xornalistas gráficos ante a catedral.
A novidade máis destacada do novo Executivo autonómico é a desaparición das vicepresidencias e tamén a incorporación de catro novos conselleiros: María Martínez Allegue (Vivenda e Planificación de Infraestruturas), José López Campos (Cultura, Lingua e Xuventude), Antonio Gómez Caamaño (Sanidade) e María José Gómez Rodríguez (Medio Rural).
Equipazo! pic.twitter.com/ObRkLozK5W
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 15, 2024
Unha vez no pazo de Raxoi e tras a lectura dos decretos de nomeamento, un a un acudiron á mesa onde había unha copia do Estatuto de Autonomía, outra da Constitución e unha Biblia.
A maioría dos doce conselleiros e conselleiras optaron pola fórmula de xurar o seu cargo, excepto o Presidencia, Diego Calvo; a de Vivenda, María Martínez; e o de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o de Mar, Alfonso Villares, que prometeron.
Logo tomou a palabra o exconselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, que falou en nome dos que deixaron o goberno galego con palabras de agradecemento ante a oportunidade dada para "servir a Galicia". Tamén lembrou que leva "unha vida enteira" de entrega á sanidade pública, "con acertos e erros", na que traballou sempre por "mellorar a sanidade pública"
A pontevedresa María Martínez Allegue tomou a palabra a continuación, xa como nova titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e en representación do resto de conselleiros.
Pechou o acto o presidente Rueda que retou aos integrantes do seu novo goberno a "superar" aos executivos anteriores. "A nosa sorte será a sorte de Galicia", díxolles antes de desexarlles sorte e moito traballo xa que será un sinal de que Galicia "mira cara adiante e segue progresando".
Seguidamente celebrouse o primeiro Consello da Xunta con este equipo.