Os ingresos por covid soben a 9 na área sanitaria e os positivos diarios dispáranse ata os 45

Pontevedra
25 de novembro 2021

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés segue crecendo en casos activos de coronavirus e conta este xoves 25 de novembro con 298, segundo informa o Servizo Galego de Saúde

Hospital de Montecelo
Hospital de Montecelo / Mónica Patxot

A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés ve unha xornada máis como seguen a crecer os casos de coronavirus, situándose este xoves 25 de novembro nas 298 infeccións activas segundo informa o Servizo Galego de Saúde.

Esta cifra supón un incremento de 28 casos máis que o mércores a pesar de darse 17 altas epidemiolóxicas a pacientes, xa que os contaxios diarios disparáronse ata os 45.

Tamén crece o número de hospitalizados na área pontevedresa ata os 9 pacientes (dous máis), dos que 8 atópase en planta repartidos entre o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (7) e o Hospital de Salnés (1) e un evoluciona na Unidade de Coidados Intensivos de Montecelo.

Desde o inicio da pandemia superaron o virus 21.379 pacientes en Pontevedra e O Salnés, rexistrándose 205 falecementos de persoas con positivo activo.

O Sergas confirma ademais que na última xornada realizou 410 probas PCR.