A incidencia da covid-19 está á alza na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e, con respecto a hai unha semana, deixa cambios significativos. Así, este mércores hai 104 pacientes hospitalizados, 23 máis que os 81 do mércores pasado. En canto aos casos activos, son 350 máis.
O cómputo actual de casos activos facilitado polo Servizo Galego de Saúde non inclúe os novos positivos confirmados por test de antíxenos a nivel particular polos pacientes, de modo que o número que aparece nas estatísticas non se corresponde co total de casos confirmados existentes na área sanitaria.
Segundo os datos oficiais, este mércores os casos activos totais son 1.782, 350 máis que o mércores pasado e 124 máis que este martes. Deles, 1.678 están no seu domicilio e 104 hospitalizados.
Oficialmente, confirmáronse 185 novos positivos por proba PCR na última xornada, pero tan só hai 124 casos máis porque outros 61 pacientes recibiron o alta.
En canto á situación dos hospitais, non cambiou na unidade de coidados críticos do Hospital Montecelo, onde hai 2 pacientes, os mesmos que hai unha semana, pero si en planta de hospitalización. Este mércores son 102, 79 o mércores pasado. Hai 86 no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, 2 no Hospital QuiroónSalud Miguel Domínguez e 14 no Hospital do Salnés.
Desde o inicio do plan de continxencia do COVID-19 curáronse 64.531 pacientes e faleceron 277. En total, son dous mortos máis na última semana.
En canto a realización de PCR’ s, nas últimas 24 horas fixéronse 226, que elevan a 413.562 o total das xa efectuadas desde o inicio da pandemia. É un número similar de probas ao dos últimos días.