Os indignados examinan os candidatos por Pontevedra

Pontevedra
04 de outubro 2012

O Campus de Pontevedra acollerá a vindeira semana catro encontros con 15 partidos políticos

15-M Indígnate Pontevedra
15-M Indígnate Pontevedra

Co obxectivo de achegar a comunidade universitaria aos programas electorais dos partidos políticos que se presentan ás vindeiras eleccións autonómicas do 21 de outubro, o colectivo 15-M Indígnate Pontevedra trae ao campus unha nova edición de Pontevedra Pregunta.

Trátase dun encontro "fronte a fronte" da cidadanía cos candidatos para o que conta coa colaboración do alumnado de Dirección e Xestión Pública.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acollerá a vindeira semana este encontro "que vinculará ao estudantado coa realidade social existente e que de seguro se enriquecerá do ambiente crítico da Universidade", explica Estela Baleirón, alumna do grao que presta a súa colaboración a este movemento cidadán.

Do 8 ao 11 de outubro de 19.00 a 21.30 horas participarán no encontro 15 agrupacións políticas que se presentan por Pontevedra ao Parlamento de Galicia. Repartidos en catro xornadas, os representantes políticos terán cinco minutos para expor o seus programas electorais e obxectivos para logo dar paso á quenda de preguntas por parte do público asistente, tras o cal os candidatos terán 90 segundos para responder.

A II xornada de Pontevedra Pregunta comezará o luns 8 de outubro coas intervencións de Alternativa Galega de Esquerda, Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE e de Unión Progreso e Democracia.

O martes será a quenda de Centro Democrático Liberal, Partido Popular, PCPE e Partido da Terra. O mércores debaterán o Bloque Nacionalista Galego, o Partido Animalista Contra el Maltrato Animal, o Partido Anticapitalista e Sociedad Civil y Democracia.

O venres pecharán as intervencións Compromiso por Galicia, Falange Española de las J.O.N.S, Escanos en Branco e Unificación Comunista de España.

Arquivado en