Os incendios de Caldas e Vilagarcía non provocaron "danos significativos" no chan e na vexetación

Umia
20 de setembro 2022

Tras inspeccionar o terreo afectado, a técnica Cristina Fernández sostén que a afectación ao chan "foi moi baixa en xeral", polo que as medidas que se propoñerán para rexenerar todo este ámbito forestal pasarán pola súa recuperación de forma natural

Un incendio forestal cerca vivendas en diversas localidades de Caldas e Vilagarcía
Un incendio forestal cerca vivendas en diversas localidades de Caldas e Vilagarcía / Cristina Saiz

O estudo elaborado por persoal técnico do Centro de Investigación Forestal de Lourizán concluíu que os incendios rexistrados o pasado mes de agosto en Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa non provocaron "danos significativos" no chan nin na vexetación da zona.

Tras inspeccionar o terreo afectado, a técnica Cristina Fernández sostén que a afectación ao chan "foi moi baixa en xeral", polo que as medidas que se propoñerán para rexenerar todo este ámbito forestal pasarán pola súa recuperación de forma natural.

Así llo trasladaron aos comuneiros de ambos os municipios os directores xerais de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, e de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, no encontro que mantiveron este martes.

A reunión serviu, segundo a Xunta de Galicia, para avaliar as medidas para adoptar a medio e longo prazo, para o que os responsables autonómicos pediron a colaboración das comunidades de montes co fin de conseguir un territorio "máis resiliente" fronte o lume

A este respecto, recordaron a folla de ruta marcada desde hai máis dun ano a través da lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que recolle figuras como as aldeas modelo e os polígonos agroforestais, que permiten poñer en valor terras produtivas en desuso.