Os humidais artificiais de Quireza, listos para funcionar como EDAR

Cerdedo-Cotobade
25 de outubro 2023

As vivendas dos núcleos de poboación dos Castros e Outeiro comezarán moi pronto a recibir o servizo dos humidais artificiais que funcionarán como a nova EDAR de Quireza. As obras, que supuxeron un investimento de case 100.000 euros, xa están rematadas

A EDAR de Quireza con humidais artificiais
A EDAR de Quireza con humidais artificiais / Concello de Cerdedo-Cotobade

As vivendas dos núcleos de poboación dos Castros e Outeiro comezarán moi pronto a recibir o servizo dos humidais artificiais que funcionarán como a nova EDAR de Quireza. As obras, que supuxeron un investimento de case 100.000 euros, xa están rematadas.

Esta actuación forma parte do plan de investimentos no saneamento de zonas rurais do municipio e esta EDAR está previsto que depure as augas residuais urbanas dos dous núcleos.

A EDAR que entrará en breve en funcionamento, segundo manifestou o alcalde Jorge Cubela, aplicará un tratamento de depuración orientado a preservar a saúde do entorno do regueiro de Albinos, afluente do río Quireza, contribuíndo a mellorar a calidade medioambiental da zona.

Á hora de elixir este sistema de depuración o Concello de Cerdedo-Cotobade fixo unha valoración do proceso fronte a sistemas convencionais de depuración compatibilizando as actividades económicas en continuo crecemento coa conservación dos valores ambientais.

Este sistema aplicado a zonas como as de Quireza, segundo concluíron os técnicos municipais, son ideais para a construción dunha rede de depuradoras que saneen as aguas das pequenas poboacións que o precisan. 

Cubela sinalou que "é unha actuación moi necesaria e respectuosa co medio ambiente que nos permite cumprir coa directiva europea ao tempo que damos resposta positiva ás necesidades de depuración das augas residuais urbanas nas vivendas de pequenas poboacións".