O Concello de Cerdedo-Cotobade vai dotar ás parroquias cerdedenses de Quireza e Tomonde dun sistema de depuración de augas residuais pioneiro na nosa comunidade, xa que vanse crear senllos humidais artificiais subsuperficiais de carácter ecolóxico para tratar estes vertidos de orixe doméstica.
Trátase dunha iniciativa medioambiental novidosa, idéntica á que xa está proxectada en Paraños, na parroquia de Carballedo, e que xa foi probada con éxito en moitos países da Unión Europea.
O Concello vai destinar máis de 146.000 euros á adquisición das parcelas e a execución destes dous proxectos de depuración que segundo di o goberno local "se caracterizan pola súa eficiencia, baixo custo, mínima afección ao paisaxe e ao medio natural e sostenibilidade" e que substituirán aos sistemas de depuración existentes en Quireza e Tomonde porque xa non cumpren coas súas funcións de forma efectiva.
O proxecto consiste na creación duns espazos que reproducirán, de maneira controlada, os procesos de depuración que ocorren nos humidais naturais. O goberno local salienta que "é un sistema totalmente natural e sen adicción de produtos químicos de xeito habitual, polo que produce moi poucos lodos abaratando moito a súa xestión. Ademais, o seu mantemento é moi escaso, xa que non hai dependencia tecnolóxica, as comprobacións periódicas son mínimas, o consumo enerxético é moi reducido, non xenera cheiros nin insectos e conta cunha alta integración na paisaxe".
PÉRGOLA EN CERDEDO
O Concello tamén aprobou novas actuacións para o territorio de Cerdedo, como a instalación dunha pérgola na remozada Praza do Concello para dotala dunha zona de sombra (18.000 euros) ou as achegas municipais para o proxecto de aforro enerxético en Tresaldeas, Outeiro e Os Castros (17.999 euros euros) e para a recuperación dos sendeiros Cabenca-Cavadosa e da Neveira do Seixo (3.929 euros), ambos cofinanciados co Fondo de Compensación Ambiental da Xunta.
As partidas para estas obras quedaron aprobadas a través dun expediente de modificación de crédito aprobado polo pleno municipal e cuxos fondos proceden do remanente de tesourería da liquidación do pasado ano 2017.