Os mundiais de tríatlon, o ITU Multisport Festival, dispoñerá dunha APP turística para que os visitantes que cheguen a Pontevedra dispoñan de toda a información deste evento deportivo e ademais poidan, a través de audioguías e recursos xeolocalizados, coñecer a cidade polos seus propios medios.
Non será unha APP nova senón que se trata dunha ferramenta xa existente, impulsada pola Asociación de Hostaleiros de Pontevedra e que ata agora estaba a disposición dos clientes destes establecementos.
Agora, en colaboración co Concello, esta aplicación para dispositivos móbiles poderá descargarse de maneira gratuíta durante o evento. As persoas que queiran descargarse esta APP, que recibe o nome de Soundwalkrs, poderán facelo co código NCU457. Está dispoñible tanto para sistemas iOS como Android.
A dos hostaleiros é unha aplicación turística que, segundo Piedad Rojas, representante da empresa Soundwalkrs, está baseada nunha experiencia "inmersiva" do visitante, o que fai que poidan coñecer a cidade de Pontevedra unha maneira "dinámica e divertida " a través de secretos, lendas e xogos.
As audioguías -con contidos documentados polos historiadora Milagros Bará-, que estaban dispoñibles en español e inglés, terán tamén as súas versións en galego e francés. Todos os principais recursos turísticos de Pontevedra están localizados por GPS e ademais integrarase toda a información sobre os eventos deportivos e lúdicos do ITU Multisport Festival.
As edís de Promoción da cidade e de Deportes, Anabel Gulías e Anxos Riveiro respectivamente, agradeceron aos hostaleiros esta colaboración, xa que destacaron que os mundiais de tríatlon son un evento "fundamental" na política municipal para promocionar a cidade e dinamizala economicamente.
A este respecto, Patricia Sierra, directora do Hotel Galicia Palace, destacou que a aposta do Concello polos grandes eventos deportivos logrou "desestacionalizar" a chegada de turistas, o que se traduciu en que os hoteis da cidade estean a ter unha ocupación "bastante buena" en tempada baixa.
Esta era, sinalou, a representante da asociación de hostaleiros, a "asignatura pendiente" da cidade. Tanto é así, segundo recoñeceu, que con motivo do ITU Multisport Festival, os hoteis de Pontevedra "están llenos desde hace un año".