Os hosteleiros doan a comida que non poderán vender polo peche ao banco de alimentos de Monte Porreiro

Pontevedra
06 de novembro 2020

Esta acción solidaria, complementaria ás reivindicacións que manteñen para conseguir axudas que permitan sobrevivir ao sector, é aberta a toda a cidade e a recollida está prevista para este sábado de 12 a 14 e de 18 a 20 horas na locais Estafeta e  Mulligans

A hostalería de Pontevedra inclúe unha doazón de alimentos entre as súas accións reivindicativas para solicitar axuda
A hostalería de Pontevedra inclúe unha doazón de alimentos entre as súas accións reivindicativas para solicitar axuda / Mónica Patxot

A hostalería de Pontevedra continúa coas súas reivindicacións para conseguir axudas polo peche decretado polo Goberno para frear a escalada da covid. Pero o sector non é alleo ao mal momento que están a atravesar moitas familias como consecuencia desta crise, por iso decidiron baleirar as súas neveiras e entregar toda a comida comprada que non poderán vender durante o próximo mes ao banco de alimentos da asociación de veciños O Miradoiro de Monte Porreiro.

"Péchannos tan precipitadamente que non podemos sacar beneficio das compras. Polo menos que alguén o saque, non económico pero si social", explica, Jacobo Barragáns, un dos portavoces da plataforma de máis de cen hostaleiros da cidade afectados polas restricións desta segunda onda.

A entrega está programada para este sábado de 12 a 14 e de 18 a 20 horas na locais Estafeta (Praza Celso García de la Riega) e Mulligans (Cruz Gallástegui, 2) aos que acudirán gran parte da hostalería da cidade. A campaña está aberta tamén a toda a cidadanía. "Pretendemos recoller moitos alimentos e pedimos colaboración de todos os sectores. Cantos máis alimentos recollamos máis imos poder axudar, hai moita xente pasándoo mal", remarca Barragáns.

A iniciativa colleu por sorpresa aos voluntarios desta asociación que atende a máis de 800 persoas desfavorecidas. "Estamos sorprendidísimos por esta acción tan rápida e tan necesaria para nós. Damos as grazas á hostalería da cidade, que está a atravesar un momento moi delicado e contan con todo o noso apoio emocional", agradeceu Carlos Diéguez, presidente da asociación O Miradoiro.

Despois de anunciar esta campaña solidaria, o colectivo continuou coas súas reivindicacións. A próxima semana constituiranse oficialmente como plataforma de afectados pola covid, pero antes diso xa teñen programada para cada venres unha cacerolada para lembrar que "somos un dos sectores máis afectados" e reclamar axudas polas restricións sanitarias ás que ven sometidos. 

Sobre as axudas de ata 7.000 anunciadas pola Xunta para as empresas afectadas deste sector, os hostaleiros móstranse "moi agradecidos" pero "á expectativa de que sexan para todos". Neste sentido, non esquecen que aínda "hai moitas cousas máis que temos que arranxar", sinalan en referencia ás cotas de autónomos ou as taxas municipais.

"Primeiro nos constituirremos como plataforma, logo veremos veremos mobilizacións e esperamos tamén que nos reciban no Concello. Falaremos con todo o mundo que nos queira recibir, aquí todos suman", engadiu Esteban Pampín, outro dos representantes da plataforma, en referencia a posibles axudas por parte do goberno local en materia de impostos como os lixos, a auga ou a luz que moitos negocios seguen pagando a pesar de estar pechados desde marzo.

Fan un chamamento tamén á unión de comerciantes e autónomos de toda a cidade que tamén están afectados pola pandemia para adherirse a esta plataforma para conseguir, entre todos, axudas que permitan sobrevivir ao tecido empresarial da capital.