A Federación de Hostalería de Pontevedra, xunto coa Asociación de Hoteis de Pontevedra (AHP) e Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (HOEMPO), solicitou de maneira conxunta unha videoreunión ao Concello de Pontevedra.
O obxectivo do encontro é solicitar o apoio da administración local ante os efectos negativos da crise sanitaria do Covid-19.
O sector hostaleiro, do que segundo aseguran dependen máis de 700 familias na cidade, pensa demandar unha serie de apoios, empezando pola suspensión de taxas e tributos locais como o imposto derivado da colocación de terrazas, a recollida de lixo industrial, o Imposto de Bens Inmobles (IBI) ou o canon da auga.
Ademais pedirán ao goberno pontevedrés medidas de acompañamento en forma de incentivos ou subvencións directas co obxectivo de poder dispoñer de liquidez á hora de reiniciar a súa actividade.