No Concello de Pontevedra hai máis de 2.500 afectados polas preferentes e subordinadas, dos cales tan só 540 solucionaron a súa situación mediante a arbitraxe. Segundo informou a voceira da Plataforma de Marín-Pontevedra, Rosana Prado, na cidade do Lérez hai nestes momentos "cincuenta e dous millóns de euros pendentes de devolución".
Con estes datos sobre a mesa, o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto aos tres portavoces dos grupos representados na corporación BNG, PP e PSOE reuníronse en dependencias municipais cos integrantes da plataforma trala suspensión do Pleno. Eran ao redor de trinta persoas as que participaron nesta especie de "asemblea aberta".
Desde a Plataforma pediron con insistencia "que vos unades, deixando a un lado os piques políticos, e pelexedes por nós".
O formato improvisado desta convocatoria serviu para trazar a grandes liñas o contido dunha próxima reunión na que se definirán as medidas a levar a cabo por parte do Concello. En principio apuntáronse algunhas como que o Concello cancele todas as contas existentes en Novagalicia Banco, presionar a outras institucións para lograr unha solución eliminando taxas xudiciais ou habilitando xuícios rápidos, participación dos políticos nalgunha das movilizaciones desta Plataforma, entre outras.
"Somos unha Plataforma suave, non armamos guerra, e así nos vai", apuntaron os afectados tras lamentar que desde hai "algo máis dun mes" ningún deles foron chamados a arbitraxe.
"Iso pode ser algo circunstancial", contestoulles o portavoz do Partido Popular, Jacobo Moreira, que foi o primeiro en intervir "teñan claro que os tres grupos estamos plenamente con vostedes, nos solidarizamos ao máximo", dixo.
Moreira recordou que ademáis do arbitraxe os afectados teñen aberta a vía xudicial e puxo sobre a mesa a posibilidade de que o concello habilite algún tipo de axuda "económica ou de asesoría xurídica" para quen opten por acudir ao xulgado.
Pola súa banda o portavoz do BNG, Raimundo González, insistiu na necesidade de que continuen na rúa "de non ser así a día de hoxe este problema estaría esquecido" e sinaloulles que algunhas das "medidas que plantexan poden ser cuestión de oportunidade".
Antón Louro, portavoz do PSOE, trasladou igualmente o apoio do seu grupo e recordou que precisamente no Pleno de hoxe, estaba previsto o debate dunha moción socialista na que se propoñía cancelar as contas do Novagalicia Banco se en dous meses non se devolve o diñeiro íntegro aos aforradores.
Finalmente o alcalde, que vestía a camiseta da Plataforma, reiteroulles a súa solidariedade e apoio, aínda que tamén lles advertiu que algunhas destas peticións son "complicadas" xa que "poderían ir en contra dos intereses da maioría social".
A semana que ven, os portavoces municipais e os representantes da Plataforma, volveranse a reunir para concretar as medidas de presión a adoptar.