Os grupos municipais de BNG e PP de Ponte Caldelas súmanse á protesta contra o parque eólico dos Cotos

Ponte Caldelas
07 de xaneiro 2022

Tamén a asociación veciñal Chan da Rotea confirmou que participará na concentración convocada o vindeiro domingo 9 de xaneiro Carballedo

Asemblea veciñal para analizar o parque eólico dos Cotos
Asemblea veciñal para analizar o parque eólico dos Cotos / Cristina Saiz

A concentración de protesta convocada este domingo en Carballedo contra o proxecto de parque eólico dos Cotos contará coa presenza da Asociación de Veciños Chan da Rotea de Ponte Caldelas así como dos grupos municipais de BNG e PP desta localidade, segundo confirmou o Concello de Cerdedo-Cotobade.

Estas organizacións súmanse á ampla unidade de acción de comunidades de montes, colectivos sociais e veciños contra este proxecto eólico, tras a invitación cursada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela.

"Esta mobilización veciñal está moi por arriba de calquera formulación política e de feito ten unha ampla base social que o único que pretende é defender os intereses dos nosos veciños e dos lugares afectados por un proxecto eólico que resulta inconveniente pola súa localización e polas dimensións e as graves afeccións que ocasionaría ao medio ambiente", defende o rexedor agradecendo que se somen á causa "o maior número posible de entidades, colectivos e persoas porque reforza o posicionamento de rexeitamento veciñal unánime".

A mobilización terá lugar o vindeiro domingo 9 de xaneiro ás 12.00 horas diante da casa do concello da Chan.

INICIATIVA NO PARLAMENTO DE GALICIA

Por  tra parte o grupo do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia rexistrou unha pregunta para a súa resposta na comisión que investiga as presuntas irregularidades detectadas pola Xunta na documentación presentada pola empresa que promove o proxecto eólico dos Cotos. 

Neste sentido o BNG pregúntase cales son esas irregularidades e se teñen que ver cos acordos adoptados polo Consello da Xunta no que se declaraba este proxecto como "iniciativa empresarial prioritaria".

Arquivado en