No pleno ordinario de setembro do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobouse, cos votos a favor do PP e en contra do PSdeG-PSOE e do BNG, a nova ordenanza fiscal que regula a taxa pola expedición de documentos administrativos e outros servizos, dentro dos cales se atopan os servizos urbanísticos.
Esta ordenanza levaba en vigor dende o ano 2020 polo que a oposición entende que "a suba dos importes é totalmente desproporcionada".
As taxas por expedición de licenzas urbanísticas e as comunicacións previas pasan de 25 a 150 euros, as licenzas de 12 a 70 euros, as comunicacións e os cambios de titularidade das licenzas pasan de 25 a 200 euros.
Ana Couto, voceira socialista, critica que esta suba vai a propiciar a proliferación de obras, sobre todo, obras menores sen comunicación ao concello. "Tamén sorprende que se produza esta subida cando o alcalde sempre saca peito por ser un dous poucos concellos sen Imposto de Construcións, Instalacións e Obras", dixo.
Esta ordenanza tamén regula as taxas por certificados e copias "que soben de forma significativa en algúns casos a mais do dobre do importe", os dereitos a exame ou as taxas por celebración de matrimonios civís. Increméntanse ademáis os prezos polas autorizacións de venda ambulante que pasan de 20 a 50 euros.
Esta suba únese ás que xa se produciron a principios de ano nas taxas de saneamento e recollida do lixo e do Imposto de vehículos que tamén se incrementaron.
Dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE din estar "preocupados por este incremento da presión fiscal sobre a veciñanza de Cerdedo-Cotobade que parece non ter fin".
Pola súa banda, o BNG de Cerdedo-Cotobade levou ao pleno municipal de setembro unha moción contraria á decisión de SOGAMA de subir de forma "desproporcionada" a taxa do lixo a concellos e veciñanza, que foi rexeitada cos votos do alcalde e do PP.
O voceiro nacionalista Ernesto Filgueira criticou esta "suba desmedida para un modelo de tratamento centralizado, obsoleto, caro e anti ecolóxico, no que máis do 80% dos residuos van para incinerar ou para un macro vertedoiro".