Os gobernos locais terán á súa disposición 73,5 millóns de euros co novo Plan Concellos

Pontevedra
15 de novembro 2021

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera presentaron este luns en rolda de prensa as cifras do Plan Concellos que, como principal novidade, pasa a ser bianual, por tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73,5 millóns de euros, xa que no 2022 poderán contar, ademais dos 43 millóns do Plan, con outros 30,5 millóns da Liña 1 de investimentos do Plan do 2023

Carmela Silva e César Mosquera
Carmela Silva e César Mosquera / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este luns en rolda de prensa as cifras do Plan Concellos que, como principal novidade, pasa a ser bianual, por tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73, 5 millóns de euros, xa que no 2022 poderán contar, ademais dos 43 millóns do plan, con outros 30,5 millóns da liña 1 de investimentos do Plan do 2023. 

A decisión do goberno da Deputación supón incrementar o plan provincial nun 72,94%, ao que se sumarán en transferencias directas outros 22,2 millóns de euros das áreas de infraestruturas, mobilidade sostible, programas sociais, plans de emprego, apoio ás novas tecnoloxías, recuperación de patrimonio e dinamización da lingua, accións de igualdade, cultura, turismo e deporte, ademais da estratexia transfronteiriza, a acción do ORAL e do servizo de asistencia intermunicipal.

A presidenta provincial destaca que este Plan Concellos supón un incremento "sen precedentes" dun 72,94% nun programa que "financia máis de 500 obras anuais e fai posible a contratación temporal dun milleiro de persoas desempregadas".

Concretamente, a liña 1 do plan, destinada a investimentos, contempla 61 millóns. A liña 2, para amortización e pago de débeda e gastos correntes, 3 millóns de euros; e a liña 3, para emprego, 9,5 millóns.

Os concellos de ata 10.000 habitantes recibirán 33 millóns."Son datos históricos dun investimento de recursos en todos os concellos e en todas as comarcas que, amais, mostran o mantra das mentiras do PP: os concellos máis pequenos son unha vez máis os máis beneficiados", destacou Carmela Silva. Os concellos de entre 10.000 e 20.000 habitantes terán 23,3 millóns e os concellos de entre 20.000 e 50.000 habitantes: 17 millóns.

Pola súa banda, César Mosquera recalcou que "non hai ningún plan -sexa da Xunta, do Estado ou da Unión Europea- que faga un esforzo tan grande para fomentar e mellorar as condicións de vida dos concellos máis rurais, que teñen menos dinámica económica e social".

Por comarcas, en 2022/23, recibirán: Deza-Tabeirós: 11,2 millóns; O Salnés-Caldas: 14,4 millóns; Pontevedra: 12,7 millóns; O Morrazo: 5 millóns; Vigo: 14 millóns; O Baixo Miño: 7,1 millóns; O Condado-A Paradanta: 8,8 millóns.

Entre 2016 e 2022/23 recibirán 327,2 millóns de euros só con este plan que ata o de agora serviron para financiar 2.623 obras (vías e sendeiros, saneamentos, suministración de materiais...), 1.318 actuacións de amortizacións e actividades e 6.075 empregos.

Carmela Silva destacou que esta "é unha forma xusta de gobernar, con reparticións equilibradas" e insistiu en que supón "un esforzo extraordinario particularmente nos concellos máis pequenos". "As alcaldías de todas as cores políticas dan saltos de alegría, nunca tiveron tantos recursos á súa disposición", asegurou.