Os gañadores do concurso do congreso audiovisual "Pontevedra e...acción!" recollen o seu premio

Pontevedra
28 de maio 2015

Este xoves entregouse no Concello o premio ao gañador do concurso organizado no congreso audiovisual "Pontevedra e...acción!". O traballo de "calidade e orixinal" do equipo de Eloy Táboas, Pío Cibeiro e Cristobal Arteaga servirá como vídeo de presentación oficial para Pontevedra Filme Commission

Carlota Román entregando o premio do concurso do congreso audiovisual "Pontevedra e...acción!"
Carlota Román entregando o premio do concurso do congreso audiovisual "Pontevedra e...acción!" / Cristina Saiz

Un vídeo de dous minutos e trinta segundos "diferente" logrou que o equipo formado por Eloy Táboas, Pío Cibeiro e Cristóbal Arteaga conseguiron proclamarse gañadores no concurso organizado no congreso audiovisual "Pontevedra e...acción!" do pasado mes de abril. O concurso ao que se presentaron consistía en crear unha peza que servise como presentación oficial para Pontevedra Film Commission. Os equipos que se presentaron dispuxeron só dun día para realizar un esbozo do seu proxecto e presentalo ante o xurado.

Carlota Román, no seu último acto como concelleira de Promoción Económica, Emprego e Turismo, entregou este xoves pola mañá no Concello de Pontevedra o premio do concurso e presentou o resultado final do produto audiovisual xunto a Eloy Táboas, que acudiu como representante do seu equipo. A concelleira en funcións, que tamén formou parte do xurado xunto ao director Pablo Cacheda e o actor Manuel Lozano, destacou o difícil que lles resultou seleccionar un traballo gañador, xa que todos eles eran de gran calidade. Finalmente a orixinalidade do proxecto gañador, ademais da súa calidade, fixo que se decidisen.

Optar polo formato concurso para a adxudicación de traballos é unha opción que, segundo Carlota Román, se debería usar máis en vez da contratación directa. Este tipo de proxectos para a Film Commission é unha "pieza más del turismo", apuntou a responsable en funcións deste área, porque como ela mesma afirmou, o sector privado e público deben traballar conxuntamente para fomentar o turismo de Pontevedra.

Un dos gañadores, Eloy Táboas, define o resultado do seu vídeo como un traballo que en vez de centrarse en facer planos "bonitos" da cidade fixeron planos "diferentes", para mostrar imaxes que servisen para contar historias. Os tres gañadores decidiron presentarse ao concurso para poder conseguir financiamento para o proxecto dunha longametraxe que comezarán en agosto segundo o gañador. Grazas a súa peza lograron o premio de 2.000 euros que supoñerá de axuda para a súa próxima filmación.

A súa obra conta a historia dun suposto director de cine que pensa en rodar unha película en Pontevedra, con cada imaxe que aparece a voz en off presenta unha posible idea para as diferentes posibilidades das películas que se poderían rodar na cidade ata que finalmente chega a unha conclusión.