Os Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, Ría de Arousa e Ría de Vigo-A Guarda organizan a 'Xornada Internacional de Turismo Mariñeiro e Pesca-turismo', ao amparo do proxecto de cooperación Mar das Illas 3, que se celebrará os días 24 e 25 de setembro. A situación sanitaria obriga a adaptar a programación do congreso, de xeito que se combinarán conferencias online e presenciais.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a primeira xornada o día 24 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas. Trala inauguración e presentación do congreso, que poderá seguirse en streaming, darán comezo as seis exposicións, tres delas online. As exposicións farán unha radiografía do estado no que se atopa o turismo mariñeiro en Europa e relatarán algunhas das experiencias que se están a desenvolver en Galicia, Portugal ou Cerdeña (Italia). Ademais, informarán sobre os resultados do programa Mar das Illas 3.
As entidades e persoas interesadas en acudir a este evento deberán inscribirse previamente, tendo en conta que o aforo estará restrinxido a un máximo de 30 asistentes, que manterán todas as medidas de seguridade: uso de máscaras, xel hidroalcólico e distancia física.
O 25 de setembro continuará a programación cunha visita guiada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas con saída e chegada desde Cangas e na que participarán esa trintena de persoas anotadas previamente.
ACHEGAR O MARISQUEO AOS ESCOLARES
A finais deste mes de setembro, tamén se poñerán marcha tres xornadas abertas á cidadanía co obxectivo de que as mariscadoras e mariscadores das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo lles conten aos visitantes como é o seu día a día na praia, que aparellos e técnicas utilizan para mariscar, os trazos característicos de cada especie. Trátase dunha actividade dirixida nesta ocasión á comunidade educativa de Bueu, Redondela e a Pobra do Caramiñal.