Os funcionarios do Parque de Maquinaria boicotean o Pleno da Deputación

Pontevedra
27 de maio 2016

A presidenta, Carmela Silva, sinalou ao Partido Popular como "os responsables últimos e máximos" do conflito que se vive con estes funcionarios "e da persecución, as pintadas e demais actos vandálicos propios da mafia siciliana", que están a sufrir dous membros do goberno provincial.

Pleno boicoteado polos funcionarios do Parque de Maquinaria /

Os traballadores do Parque de Maquinaria boicotearon o pleno da Deputación de Pontevedra cos seus berros de protesta impedindo o normal desenvolvemento da sesión.

A presidenta, Carmela Silva, sinalou ao Partido Popular como "os responsables últimos e máximos" do conflito que se vive con estes funcionarios "e da persecución, as pintadas e demais actos vandálicos propios da mafia siciliana", que están a sufrir dous membros do goberno provincial.

"Eu sinto unha enorme pena e profunda dor", polo comportamento dos doce deputados do PP "que cren que a política é un campo de batalla no que vale todo", declarou Carmela Silva quen definiu a estratexia da formación conservadora como "máis propia de Jarrai e da kale borroka" cualificando esta actitude como "deleznable e vergoñosa".

Carmela Silva responsabilizou persoalmente desta forma "tremenda" de entender a oposición á portavoz do grupo provincial do PP, Nidia Arévalo, "aínda que non me sorprende" dixo a socialista lembrando que a popular chegou á alcaldía de Mos co apoio dun tránsfuga nunha moción de censura.

Carmela Silva fixo un chamamento ao secretario provincial do PP, Alfonso Rueda, para "que mande parar esta vergoña".

PLENO A PORTA PECHADA

Carmela Silva fixo estas declaracións tras concluír o Pleno en sesión "a porta pechada" e sen os deputados do Partido Popular, que rexeitaron participar. Na breve sesión o deputado do BNG e responsable de Mobilidade, Uxío Benítez, cualificou de "diñeiro público roubado" as dietas que os traballadores "cobraban sen xustificar" e que orixinaron o conflito.

Benítez solicitou que se investigue se as irregularidades detectadas na actividade destes funcionarios é susceptible dalgunha actuación xudicial.

POR QUE SE SUSPENDEU?

Medio centenar de traballadores do Parque de Maquinaria e delegados sindicais de Comisións Obreiras co secretario comarcal, José Luis García Pedrosa á fronte, acudiron este venres á Deputación coa intención de facer oír as súas reivindicacións no Pleno da institución. Con todo non se lles concedeu quenda de palabra.

A inicio da sesión a presidenta Carmela Silva, expresou en nome do goberno provincial e do seu propio a súa solidariedade co vicepresidente César Mosquera e ao deputado responsable de Mobilidade, Uxío Benítez ante as ameazas sufridas, feitos que condenou.

Igualmente o deputado de Son Marea, Xosé Lois Jácome, sumouse a esta condena e trasladou o seu apoio aos deputados nacionalistas. Ademais propuxo unha mesa de diálogo para tratar de resolver o conflito.

Tamén a portavoz do grupo provincial do Partido Popular, Nidia Arévalo, mostrou a súa solidariedade cos membros do goberno ameazados e condenou "enerxicamente" os feitos denunciados ante a Garda Civil.

"O que está a pasar no Parque de Maquinaria" tamén foi tratado nos primeiro spuntos da orde do día, nunha moción presentada polos populares que responsabilizaron ao goberno bipartito da "parálise" que, segundo sinalaron, existe neste servizo. Ademais Nidia Arévalo esixiu a César Mosquera que "rectifique" as súas declaracións nas que "di que o PP é a mafia". A portavoz do Partido Popular advertiu que "imos tomar medidas" se o vicepresidente non se desdice.

A contestación de Mosquera non se fixo esperar "vaian onde queiran" e subliñou que este tipo de ameazas só lles serven para reforzar o seu rumbo e corrixir os "privilexios, trapisondas, caciqueos e demais" que existía na Deputación co anterior goberno do PP.

Segundo dixo o vicepresidente aos deputados populares "se vostedes dan a orde de que se pare, isto párase", e acusou ao PP de "azuzar ao parque".  A intervención de Mosquera no Pleno viuse interrompida en varios momentos polos berros de García Pedrosa que chamándolle "perfecto mentirero e difamador".

Esta tensión foi en aumento cando Mosquera sinalou a contradición entre as críticas do Partido Popular cando di que o Parque leva cinco meses parado "algo que os sindictos nunca desmentiron" e o feito que en leste mesmo período "pasáronse partes de dietas, pernoitas e desplazamentos". Mosquera chegou a sinalar a "absoluta conivencia entre estes traballadores e o Partido Popular" e engadiu que "este suposto conflito é estritamente político".

García Pedrosa interrompeu desde o público gritándolle ao vicepresidente "es un perfecto ditador, ti se que es fascista". A presidenta esixiulles respecto e que permitisen o normal desenvolvemento da sesión plenaria "e moito máis sendo funcionarios traballadores desta casa" e pediu ao secretario da Deputación que "tome nota" dos insultos que se proferían no Salón de Actos por se era necesario tomar algún tipo de medidas. "Quérenos aplicar a Lei Mordaza", dixo entón o secretario comarcal de Comisións Obreiras.

Dende o PP convidaron á presidenta “a que reflexione, porque a culpa non sempre é dos demais, e que valore porque nesta casa os plenos non se poden debater nun clima de cordialidade e de normalidade”.

A moción dos populares, na que instaba o goberno provincial a negociar cos traballadores foi rexeitada cos votos dos deputados do PSOE e BNG tras advertir que o deputado López Font que "el diálogo ya está permanentemente abierto".

Neste punto os traballadores impediron que o pleno seguise con normalidade e tras un receso de vinte minutos e varias chamadas á orde, a presidenta decidiu continuar co Pleno a porta pechada.

Arquivado en