Os funcionarios de Xustiza inician unha folga indefinida

Pontevedra
17 de abril 2023

Os sindicatos CSIF, STAJ, CC.OO e UGT convocaron paros parciais diarios de tres horas a nivel estatal e con carácter indefinido a partir deste luns 17 de abril na Administración de xustiza  

Concentración nos Xulgados da Parda
Concentración nos Xulgados da Parda / Comité de folga

Os sindicatos CSIF, STAJ, CC.OO e UGT convocaron paros parciais diarios de tres horas a nivel estatal e con carácter indefinido a partir deste luns 17 de abril na Administración de xustiza. 

O novo edificio dos Xulgados da Parda foi escenario da primeira concentración convocada para iniciar a semana. E o próximo 19 de abril folga xeral durante todo o día e unha gran manifestación en Madrid ese mesmo día.

Os sindicatos convocantes informaron que o seguimento do primeiro día de folga na Administración de Xustiza en Galicia foi "dispar", no que se refire as  7 cidades galegas, secundouse a folga  nunhas localidades cunhas porcentaxes moito mais altas que noutras. "Nas vilas o seguemento porcentual foi maior que nas urbes", sinalaron.

O seguimento está no entorno do 30% na totalidade dos xulgados galegos, segundo o Comité de folga, "porcentaxe que cremos, se incrementará nos vindeiros días ao coñecer a participación a nivel nacional, que foi altísima".

Os funcionarios adoptan esta medida de presión animados polo éxito das mobilizacións que hai dous meses protagonizaron os letrados da Administración de Xustiza.

Os paros convócanse para esixir a paralización da tramitación parlamentaria da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa no sector público da Xustiza, e en defensa de melloras retributivas e profesionais para todo o persoal de Xustiza na mesma liña das aprobadas para os letrados desta administración, asemade pedimos que as nosas funcións sexan definidas dunha maneira clara, "unha reivindicación longamente perseguida". 

A CIG descolgouse desta convocatoria que si amosou o seu apoio ás mobilizacións en defensa de melloras retributivas pero que decidiu desmarcarse dos paros porque entende que "aínda está moi recente o ocorrido na folga de 2018" que tivo, para a central nacionalista, "consecuencias nefastas".