Os traballadores da Xunta de Galicia en Pontevedra xa fichan para que a Administración controle os seus horarios de entrada e saída e tempos de descanso. Dende este luns 7 de outubro púxose en marcha o sistema de control do horario dos empregados públicos a través de tarxetas dixitais. Nesta primeira fase aplicouse a 700 persoas e nos próximos meses aplicarase á totalidade do equipo.
A aceptación do sistema foi moi dispar. Mentres o delegado territorial, José Manuel Cores Touris, asegura que se desenvolveu "con total normalidade", os representantes sindicais mostra certo malestar coa operatividade do sistema. Están dacordo con implantar un sistema de control horario, pero as queixas dos traballadores van enfocadas a que o sistema ficha a que hora entran e saen de traballar a través dos ordenadores persoais e algúns funcionan moi lentos, de modo que "obrigan a ir antes para poder fichar tempo".
"Fichar no posto de traballo vai causar máis problemas que fichar na entrada ou outro tipo de control horario"
Fernando García, de CIG-Administración, valorou que o sistema "en principio parece que é un desastre", "non responde ao que debería ser o control horario" e "non vale para o que se pensou". Así, sinala a disfunción das tarxetas dixitais para empregados cuxo posto de traballo non é estático no edificio, senón no exterior. "Fichar no posto de traballo vai causar máis problemas que fichar na entrada ou outro tipo de control horario", valora, e indica que se rexistraron moitos incidencias neste primeiro día.
Ademais, algúns traballadores quéixanse de que os cinco ascensores do edificio administrativo da Xunta en Pontevedra se colapsan en horas punta, de modo que teñen que chegar moito antes á sede autonómica para poder subir ao seu piso de traballo (hai nove plantas) a tempo para acender o ordenador e introducir a tarxeta dixital para fichar. "Algúns teñen que chegar un cuarto de hora antes", explica unha delegada sindical. Dos cinco ascensores, dous son directos ao primeiro e segundo piso e o resto para todo o edificio.
Ao respecto, Fernando García opina que "nun edificio de nove planta con tres ascensores é moi difícil chegar á hora sen chegar 20 ou 25 minutos antes" e prevé que "o horario é único para todos e vai haber un embotellamento brutal" ata que conclúan as negociacións que prevén horarios laborais de entrada graduada para os empregados autonómicos. Ademais, "os ordenadores son lentos, hai que entrar no portal e ao principio é lento".
O delegado territorial explicou que dende este luns o sistema se aplica a todo o plantel a excepción da Axencia Tributaria, Sanidade e Turismo e sobre posibles incidencias sinalou que dende o seu punto de vista, os cinco ascensores do edificio "deberían ser suficientes como eran suficientes ata agora aínda que non tiveran que fichar". Recoñeceu, iso si, que se teñen producido "os pequenos axustes de ser o primeiro día".