Os funcionarios da Deputación de Pontevedra quedan sen paga extra de Nadal

Pontevedra
28 de setembro 2012

O goberno provincial aprobou a medida no pleno cos votos en contra de BNG e PSdeG-PSOE. No salón de plenos, un grupo de funcionarios e delegados sindicais seguiron o encendido debate

Unha nutrida presenza de funcionarios e delegados sindicais asistiron ao pleno da Deputación de Pontevedra para mostrar o seu rexeitamento á decisión do goberno provincial de eliminar a paga extra de Nadal para os funcionarios.

O executivo que preside Rafael Louzán ratificou a medida coa maioría absoluta que conforman os deputados do Partido Popular rexeitando a proposta do BNG que pedía que se empregasen os remanentes de tesourería para evitar esta perda económica aos funcionarios.

No debate plenario o vicepresidente económico, José Manuel Figueroa encargouse de defender esta medida."Hai paradoxas na vida", dixo Figueroa referíndose aos sindicatos "as veces fan críticas sen coñecer os datos e isto é perigoso".

Eses "datos" aos que aludiu o político popular apuntan que o Real Decreto 8/2010 do 20 de maio aprobado polo goberno de José Luís Rodríguez Zapatero "recortou a paga dos empregados públicos nun 5%", desde a entrada en vigor deste recorte e ata hoxe aforráronse 4,5 millóns de euros", asegurou José Manuel Figueroa.

Pola contra, segundo os seus números a medida adoptada polo presidente do Goberno, Mariano Rajoy "é singular, limítase a este mes de decembro e só recaudará 1,7 millóns de euros", afirmou Figueroa.

A tese do vicepresidente da Deputación acendeu os ánimos do público e dos grupos da oposición aos que Figueroa espetou que "son datos técnicos demoledores que non son opinables", demandando ao BNG e PSdeG-PSOE "que fagan un exame de conciencia moi profundo".

Figueroa foi máis aló na defensa da súa tese asegurando que un empregado público ao que lle queden 20 anos máis de vida laboral, "perderá (segundo os seus cálculos) entre 30.000 e 35.000 euros".

Pola súa banda, o portavoz do grupo provincial do BNG, César Mosquera, demandó ao goberno presidido por Rafael Louzán "a mesma sensibilidade que tivemos non Concello de Pontevedra, porque posibilidades hainas todas, tanto legais coma económicas", asegurou.