Os forenses destacan a crueldade do crime de Marín: "Es imposible contar los golpes, hay muchos y violentos"

Pontevedra
12 de maio 2015

A segunda sesión do xuizo serviu para desmontar parte da versión dos feitos que achegou o procesado, ao recoñecer que a matou e violou, pero que o fixo cando estaba baixo os efectos do alcohol. Os forenses resaltaron que "nunca se hizo diagnóstico de dependencia del alcohol", senón que conta con algún informe que acredita o seu abuso ou consumo excesivo, pero non a súa adicción, "solo problemas con el consumo de alcohol"

Miguel Sanmartín Argibay, acusado de matar e violar a súa moza en Marín, na segunda sesión do xuízo
Miguel Sanmartín Argibay, acusado de matar e violar a súa moza en Marín, na segunda sesión do xuízo / Mónica Patxot

Miguel Sanmartín Argibay asistiu este martes impasible á segunda xornada do xuízo que se segue na Audiencia Provincial de Pontevedra, no que se enfronta a 35 anos de cárcere polo asasinato e agresión sexual da súa noiva, Isabel Pérez Fraga. Aparentemente imperturbable a pesar de que a sesión se tornou dura por momentos e sacou á luz os detalles máis escrabosos do crime machista. Ante o tribunal pasaron policías e forenses que destacaron a crueldade coa que presuntamente actuou este veciño de Marín ao golpear a vítima, violala usando un aerosol e unha botella de cara e asfixiala ata a morte.  "Es imposible contarlos porque son golpes que se solapan unos con otros, pero hay muchos y violentos", destacou unha forense.

Ademais, esa violencia deixouse notar noutros aspectos da autopsia realizada á falecida, na que se detectou unha esgazadura importante na vaxina e que tiña no abdobmen unha marca dunha pegada que denota que o seu agresor fixera forza co pé na zona. Os policías que instruíron o atestado dos feitos e os forenses concluíron que esa pegada era compatible co calzado que levaba o procesado no momento da súa detención.

Os exames forenses permitiron tamén revelar ao xurado popular que está a revisar o caso na Sección Segunda da Audiencia que a vítima tiña lesións exteriores en distintas zonas do corpo, en especial na cara e outras  "compatibles con lesiones de defensa, lucha y sujeción".

A sesión serviu para desmontar parte da versión dos feitos que achegou o procesado, ao recoñecer que a matou e violou, pero que o fixo cando estaba baixo os efectos do alcohol porque, cando bebe, os que lle rodean di que se pon violento. Fronte a esta énfase que tanto el coma a súa defensa poñen na embriaguez como atenuante da súa responsabilidade penal, os forenses resaltaron que"nunca se hizo diagnóstico de dependencia del alcohol", senón que conta con algún informe que acredita o seu abuso ou consumo excesivo, pero non a súa adicción, "solo problemas con el consumo de alcohol". 

O procesado, que xa estivera en prisión por maltratar o seu pai, ten un informe xa do ano 2004 (o crime foi en 2013) relativo ao seu consumo excesivo, pero esta falta de adicción vese reflectida en que, por exemplo, non sufriu síndrome de abstinencia cando ingresou en prisión preventiva por estes feitos. Ademais, os policías que tomaron declaración ao procesado primeiro como testemuña e máis tarde como detido sinalaron que "aparentemente no tenía síntomas evidentes de estar bebido". 

Os forenses incidiron noutra circunstancia clave á hora de determinar os feitos dos que pode ser responsable o acusado, pois o fiscal e a acusación particular manteñen que primeiro golpeou violentamente a súa vítima, cando estaba semiinconsciente a violou e posteriormente a matou. Os especialistas, non obstante, sinalan que non é posible determinar con total seguridade cando se produciu a agresión sexual. O máximo que poden concretar é que foi "justo antes o justo después"  de morrer.