Os forenses do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) descartaron este martes una das teses nas que se basea a defensa de Juan Antonio Lusquiños, coñecido como 'Coco', para soster que non cometeu un asasinato ao matar á súa ex noiva en Ponte Sampaio, senón homicidio. O seu avogado alega que estaba afectado por un "grave trastorno psiquiátrico" que alterou a súa responsabilidade criminal no momento do crime, pero os foreses descártano e aseguran que "sabe lo que hace y puede decidir si lo hace o no".
Os especialistas do Imelga explicaron que o acusado estaba diagnosticado dun "trastorno adaptativo" que "no altera el juicio de la realidad", pero non doutro tipo de alteración psiquiátrica como a que sostén o seu avogado. A defensa insiste en que ese día foi obxecto dun "arrebato o obcecación" que motiva que teña que aplicárselle unha circunstancia atenuante da súa responsabilidade criminal.
Os forenses centraron boa parte da segunda xornada do xuízo polo crime de Conchi Reguera Peón. Ao seu termo, todas as partes elevaron a definitivas as súas conclusións previas, de modo que a Fiscalía e a acusación popular consideran que 'Coco' é culpable dun delito de asasinato con aleivosía coa circunstancia agravante de parentesco e que debe ser condenado a 20 anos de prisión e a súa defensa mantén que é autor dun delito de homicidio coas circunstancias atenuantes de confesión e graves problemas psiquiátricos e reduce á metade a petición de condena.
Tras elevar a definitivas as súas conclusións, a fiscal do caso, Rosalina Carrera, insistiu en que o de Conchi foi un crime de violencia machista e que, tras dúas xornadas de xuízo, pódese concluír que "el ánimo de matar estaba claro" no procesado e que houbo unha aleivosía sorpresiva e tamén convivencial, pois a falecida "bajo ningún concepto se esperaba ese ataque", que chegou dunha persoa coa que mantivera unha relación e coa que seguía levándose ben. A defensa, con todo, insiste en que se tratou dun "desgraciado homicidio" e "nunca tuvo intención de matarla".
Os forenses tamén se referiron á brutalidade do crime. Baseándose nos seus informes, a fiscal lembra que o procesado asestou 20 puñaladas á vítima e, na súa declaración na sala, indicaron que a muller "probablemente" morreu case no acto e que a ferida que lle causou a morte foi unha coitelada entre dúas costelas que lle afectou á arteria pulmonar e provocoulle unha perdida masiva de sangue.
Ademais, recibiu outras navalladas que podían causarlle a morte, entre elas una no pescozo que afectou á yugular, e asestoulle máis coiteladas que non chegaron a alcanzarlle o corpo porque a cazadora actuou como elemento defensivo. Segundo os forenses, ademais, presenta feridas que lle causaron a morte e outras de tipo defensivo, todas causadas por unha navalla que puideron establecer que tiña un mínimo de 8,8 centímetros de longo e 2,3 de ancho. El recoñeceu que podería medir ata dez centímetros.
Na segunda sesión do xuízo tamén declararon máis dunha decena de policías e gardas civís que participaron na súa detención e/ou a investigación do crime e que acreditaron que desde o primeiro momento o procesado recoñeceu os feitos. Segundo explicaron, no momento en que a Garda Civil chegou a casa dos seus pais para detelo, tentou fuxir, pero pouco despois desistiu do intento e mesmo os esperou sentado para permitir que o arrestasen.