"Non renunciamos a estar na Alameda. Nin renunciaremos". É a postura firme do grupo de feirantes con postos na feira de Pontevedra. Con ela comezaron na tarde do mércores unha rolda de prensa na que abordaron as últimas novidades relativas á actividade feiral da cidade, ante o inminente traslado o sábado 30 de setembro á súa nova localización na avenida de Bos Aires.
Os feirantes xa anunciaron que o sábado non montarán na avenida de Bos Aires e piden ao Concello de Pontevedra que teña en conta as súas reivindicacións á hora de organizar a feira nesta nova localización. Seguen apostando pola Alameda para instalar os seus postos cada sábado, pero, de forma temporal, e se se cumpren as súas demandas, poderían instalarse en Bos Aires.
Os vendedores explican que non renuncian á Alameda porque están convencidos que "é cuestión de tempo que o conseguiremos", xa que contan "coa maioría da opinión pública ao noso favor e coa maioría das forzas políticas expresadas nas últimas eleccións municipais", en alusión a que o PP e o PSOE apoian as súas peticións, tan só discrepan co Goberno municipal do BNG.
En todo caso, aceptan ese cambio temporal á avenida de Bos Aires se o Concello prepara a zona segundo unhas necesidades que estiman "innegociables", entre elas, que estean todos xuntos, incluídos os pulpeiros, ou que poidan ter as furgonetas detrás dos postos, como facían en Rafael Areses e a Alameda.
Na súa comparecencia, tamén criticaron publicamente "a actitude e cambio de parecer de Anabel Gulías", concelleira de Promoción Económica. Así, sinalan que mantiveron dúas reunións e nas que tivo un "cambio de parecer radical", pois ao principio aceptou, segundo a súa versión, estar en Rafael Areses ata que se preparase a avenida de Bos Aires e logo adoptou "a postura de que só Bos Aires e nada máis".
"Cremos que houbo unha chamada á orde polos comisarios políticos que fiscalizan as decisións que toman as distintas concellerías e que carecen unha total falta de autonomía", sosteñen os feirantes.
Refírense tamén ao informe realizado polo Concello para esta nova localización e consideran que ten "sesgos evidentes" e está manipulado para favorecer unha determinada opción que estaba tomada de antemán e coa intención última de peonalizar a avenida de Bos Aires.
Os ambulantes piden tamén unha "comunicación máis fluída" co Concello.