Axuda para dar "visibilidade internacional" á traxedia que sufriron os seus familiares hai sete meses. Con ese espírito viaxaron ata O Vaticano as familias dos mariñeiros falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo, que foron recibidos este mércores polo papa Francisco.
Tras a audiencia pública que o pontífice celebra os mércores, os familiares achegáronse a Francisco, co que puideron departir "brevemente", segundo a súa portavoz, María José Pazo.
"Trasladámoslle o que lle adiantabamos por carta, el é coñecedor de todo o que levamos loitando e pedímoslle que nos axude desde unha forma efectiva", sinalou De Pazo á saída do seu encontro co pontífice.
A portavoz comentou que, a pesar do "desgaste" que supón falar dos feitos, a reunión co Santo Pai supuxo "unha emoción e un privilexio" ao tratarse dun feito "importante desde un punto de vista de fe e consolo".
Carolina Alcantara, muller de Jónatan Calderón, un dos desaparecidos no afundimento, asegurou tras a audiencia que se sentían "contentos coa reunión". O pontífice "escoitounos e díxonos que pode falar el e quizais axudarnos", engadiu.
Mañá, en Bruxelas, terá lugar no Parlamento Europeo unha votación sobre unha petición das familias para instar o Goberno español a efectuar unha investigación técnica efectiva sobre o naufraxio do pesqueiro.
"É un día moi importante. Mañá vótase en Bruxelas a petición das familias, para que o Goberno español cumpra o ordenamento que lle obriga a investigar grandes accidentes", dixo María José de Pazo, ao insistir en que eles reclaman "xustiza e transparencia".
Asegurou que é "unha vergoña" o feito de "ter que ir pedirlle a Bruxelas que lle diga ao Goberno español o que ten que facer" e cumpra así o ordenamento que lle obriga a investigar accidentes grandes cuns requisitos que o Villa de Pitanxo cumpre.
Os familiares dos mariñeiros do Villa de Pitanxo seguen reclamando que as autoridades españolas autoricen o envío ao lugar do afundimento de medios técnicos necesarios para descender ata o pecio, usando para iso diversos robots submarinos.
Doce dos vinte e un mariñeiros falecidos nesta catástrofe marítima non foron aínda atopados, aínda que as familias non piden que nesta misión se recuperen os corpos, senón que se reúnan probas para axudar a esclarecer as causas do naufraxio.