Os expertos din que "non ten ningún sentido lanzarse a actuar" sobre o monte queimado

Pontevedra
24 de outubro 2017

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, deu por iniciados os traballos para evitar a erosión do chan tras a vaga de lumes

Centro de Investigación Forestal de Lourizán
Centro de Investigación Forestal de Lourizán / Mónica Patxot

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, deu por iniciados os traballos para evitar a erosión do solo tras a vaga de lumes. Acompañada polo director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, visitou este martes o centro de investigación forestal de Lourizán para manter un encontro de traballo con técnicos especialistas en recuperación de zonas afectadas polo lume.

"Hoxe toca poñerse a traballar", afirmou Ángeles Vázquez. Agora corresponde aos técnicos de Lourizán coordinar e determinar as accións e os lugares nos que se actuará. O primeiro paso, segundo detallou a conselleira, será "facer unha análise daqueles lugares que levas máis de 300 hectáreas ardidas non só nesta fin de semana", precisou, "senón ao longo de todo o ano".

Cristina Fernández, investigadora do departamento de protección forestal, explicou que "haberá que estudar caso por caso", un labor que se debe acometer "con cabeza", debido a que "non ten ningún sentido lanzarse a actuar" sobre o monte queimado.

Primeiro acometeranse as accións urxentes destinadas a mitigar o risco hidrolóxico-erosivo, isto é, o arrastre de cinza aos ríos, acuíferos, encoros e finalmente ás rías.

Unha das medidas para aplicar é cubrir de palla o solo de zonas queimadas para protexelo da erosión e evitar que o arrastre das choivas, unha técnica de acolchado que se coñece como "mulching". Aínda que aínda non pode avanzar en que puntos será nos primeiros nos que se intervirá.

O centro de investigación forestal de Lourizán é un referente mundial neste tipo de tratamentos. A conselleira destacou que a pasada semana acudiron investigadores de Portugal para importar estas técnicas para o país luso.

Ante o gran número de voluntarios e de iniciativas de particulares, de concellos ou de distintas entidades ecoloxistas que se lanzaron a tomar medidas para recuperar o monte tras os incendios forestais os investigadores advirten que algunhas prácticas poden chegar a ser contraproducentes ou mesmo perigosas.

A conselleira recomendou que se actúe "con sentido" xa que "hai equipos que levan traballando durante anos" polo que ten que haber unha "orde" e insistiu en que "a alma mater deses traballos" é o centro de investigación de Lourizán.

Arquivado en