Os ex alcaldes de Cerdedo e Cotobade manterán as mesmas adicacións exclusivas

Cerdedo-Cotobade
25 de outubro 2016

O grupo de goberno do Concello de Cerdedo-Cotobade vai presentar ante o pleno deste mércores a organización do novo municipio

Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade
Constitución da xestora de Cerdedo-Cotobade / Mónica Patxot

O grupo de goberno do Concello de Cerdedo-Cotobade vai presentar ante o pleno deste mércores a organización do novo municipio.

É unha proposta de funcionamento transitoria e provisional que se centrará na prórroga das consignacións contempladas nos respectivos orzamentos municipais ata que comece a prometida reducción de gastos coa aprobación dos orzamentos 2017. 

A proposta do executivo inclúe o nomeamento de José Balseiros, ex alcalde de Cerdedo, como vicepresidente primeiro, mentres que o cotobadés Fernando Vázquez e a cerdedense Enma Valiñas ocuparán as vicepresidencias segunda e terceira, respectivamente. 

No ámbito salarial, vanse manter as dúas adicacións exclusivas que tiñan Jorge Cubela (35.000 euros brutos anuais) e José Balseiros (40.000) para respectar o aprobado polos orzamentos de cada municipio. Dita situación reformularase en base ás accións de aforro en soldos e persoal que se proxectan coa fusión e que comezarán a ser efectivas ao longo do ano 2017 coa primeira previsión de contas conxunta.

O máximo órgano de Cerdedo-Cotobade serán os plenos da xunta xestora, que se celebrarán de xeito ordinario cada dous meses nas citas impares do calendario (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro). As sesións serán os derradeiros xoves dos mencionados meses ás 12.00 horas.

De xeito previo a estas convocatorias ou cando ocasionalmente houbera temas de interese, convocaranse as comisións informativas, que contarán con sete membros, cinco do grupo popular e dous do grupo socialista para respectar a proporcionalidade existente na xunta xestora.

Haberá un total de catro comisións, que se celebrarán os luns previos a cada pleno ás 12.00 horas e que serán as seguintes: Urbanismo e Obras; Facenda, Contas e Promoción Económica, que actuará como Comisión Especial de Contas; Medio Ambiente, Medio Rural, Cultura, Patrimonio e Interior; e Asuntos do Pleno, Servizos Sociais, Educación e Deporte.

Por outra banda, tamén terá poder executivo a xunta de goberno local, que estará conformada por sete membros: Jorge Cubela como presidente, e seis vogais, dos que tres serán de Cotobade e outros tantos de Cerdedo. O executivo só incluirá sete membros tanto na xunta de goberno como nas comisións cando podería elevar a cifra ata nove ou once para repartir máis a carga de traballo das mesmas, pero prefire contar con menos compoñentes en aras do aforro e a reducción de custes.

En canto ás asignacións por asistencia a órganos colexiados, a proposta do grupo de goberno recolle 80 euros por cada pleno, 190 euros por cada sesión da xunta de goberno local, 190 por presidencia de comisión informativa e 80 pola asistencia de cada vogal. Así mesmo, as dotacións económicas para os grupos municipais fíxanse en 15 euros mensuais por cada partido político e outros 15 euros mensuais por cada un dos vogais que posúan na xunta xestora.