A progresiva chegada dunha fronte ao longo da xornada deste luns rematou coa influencia anticiclónica imperante durante a pasada fin de semana. Co transcurso da tarde, os ceos cubriranse de nubes medias e altas, que se volverán máis compactas na zona costeira e se estenderán ao resto de Galicia a medida que o día avanza, deixando precipitacións en todo o territorio.
De luns a venres, os ceos aparecerán con nubes e claros en xeral. Agárdanse precipitacións todos os días, volvéndose moi leves o venres coa chegada da influencia anticiclónica e desaparecendo a partir do sábado.
No que respecta ás temperaturas, as máximas descenderán a partir de hoxe, luns, pasando dos 21º aos 16º e situándose en valores normais para esta época do ano. No caso das mínimas, manteranse sen cambios en torno aos 8º centrígados, segundo a previsión de Meteogalicia.
O venres comezará a entrar unha influencia anticiclónica en Galicia que provocará unha subida pronunciada das temperaturas, con 20º de máxima o sabado e ata 25º o domingo, e traerá estabilidade atmosférica durante unha fin de semana na que se celebrarán numerosos eventos (Mundiais de Tríatlon, Galegote Rock, Pontevedrada...) nas Rías Baixas. O venres agárdanse chuvias leves, mais a partir do sábado os ceos aparecerán despexados.