O concelleiro de Festexos de Poio, o nacionalista Xosé Luís Martínez, confirmou que os eventos que tiveron que ser cancelados nas Festas de San Xoán por mor do mal tempo pasarán a desenvolverse dentro do programa das Festas da Mercé, do 22 ao 24 de setembro, que suporán o broche final ao programa Verán en Poio 2022.
Deste xeito, o edil de Festexos anuncia que as actuacións de Saudade e Charleston Big Band, que non puideron celebrarse o pasado día 24, quedan para o 22 de setembro, ao igual ca tirada de fogos de artificio.
Xosé Luís Martínez presentou este venres a nova edición do Festival Sons de Ánkar, unha iniciativa impulsada en colaboración coa Deputación de Pontevedra. O evento terá lugar os días 8 e 9 de xullo, no parque de Ánkar, na parroquia de San San Salvador, coas actuacións de Baiuca e Andrés Suárez, respectivamente.
Os concertos que darán comezo a partires das 22.00 horas do venres e do sábado e que serán de entrada gratuíta ata completar aforo.
Tal e como explica o titular responsable deste departamento municipal, o Sons de Ánkar "é unha oferta de lecer plenamente consolidada, que naceu durante o contexto que vivimos durante a pandemia da COVID-19 en veráns anteriores e que chegou para quedarse".
Baiuca, o proxecto musical dirixido polo catoirense Alejandro Guillán, volve actuar en Poio despois de atraer a un gran número de asistentes ao concerto ofrecido no municipio o pasado verán. Pola súa banda, o ferrolán Andrés Suárez chegará ao Sons de Ánkar no medio dunha gran xira, na que, ademais de presentar os seus últimos temas, non faltan as súas cancións máis coñecidas, dentro dunha ampla traxectoria musical que comezou hai xa 20 anos.
O Sons de Ánkar supón o punto de saída a unha programación musical ampla e do máis variada que se estenderá por todas as parroquias de Poio ao longo do verán, tanto a través de concertos como de actuacións programadas dentro de citas de referencia que volven este ano con toda a súa forza, como a Festa do Mar ou a Festa da Ameixa.