Os estudantes de sexto de Primaria de Marcón xa teñen o seu carné de ciberexpertos

Pontevedra
23 de maio 2023

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presidiu a entrega destes certificados ás alumnas e alumnos que participaron no programa que imparte a Policía Nacional en centros educativos

Maica Larriba entrega carnés de ciberexpert@s ao alumnado de sexto de Primaria do CEIP Marcón
Maica Larriba entrega carnés de ciberexpert@s ao alumnado de sexto de Primaria do CEIP Marcón / Subdelegación del Gobierno de Pontevedra

A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, entregou hoxe os carnés de ciberexpert@s a 25 escolares de sexto de Primaria do CEIP de Marcón.

Todos eles participaron nas charlas de formación da Policía Nacional para facer un bo uso das novas tecnoloxías, Internet e as redes sociais, que serviron, como explicou a subdelegada, “para alertar e previr ao alumnado sobre os riscos que agocha Internet e as redes sociais”.

O alumnado que hoxe recibiu este carné é aquel que xa concluíu o programa da Policía Nacional, quen explicou a estes escolares os perigos de internet e como usalo dunha maneira segura e responsable.

Tras a entrega dos carnés, Maica Larriba pediu aos xa cirberexpert@s que “transmitiran a formación recibida a amizades e familia. Debedes dar exemplo a outros compañeiros e compañeiras que aínda non son expertos como vós en seguridade na internet; corrixir aos amigos e amigas que fagan algo mal, e advertirlles do perigo que corren cando levan a cabo determinadas accións nas redes”.

O programa, impartido pola Unidade de Protección Cidadá da Policía Nacional de Pontevedra e cunha duración de cinco horas lectivas, está dividido en dez unidades didácticas nas que, entre outras cuestións, incídese en aspectos como o ciberacoso, a suplantación de identidade, o grooming, o sexting, tecnoadiccións, normas para manter a privacidade dos usuarios, así como recursos  e consellos para realizar unha navegación segura.

O obxectivo do mesmo é achegar unha mellor educación dixital aos menores e a súa contorna.

A formación funciona como complemento  das distintas actuacións preventivas que xa realizan as delegacións de Participación Cidadá, por exemplo a través do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos  Centros Educativos.

Neste sentido, a subdelegada do Goberno quixo tamén recoñecer o labor, “fundamental”, que realiza a Policía Nacional na promoción do uso seguro de Internet e na prevención da ciberdelincuencia entre a veciñanza da provincia.

No acto de entrega, a subdelegada estivo acompañada polo comisario provincial, Juan José Díaz, e dous axentes da Unidade de Protección Cidadá.