Recibido por estudantes de primaria que o coreaban con "alcalde!, alcalde!" e "asínasme un autógrafo", Miguel Anxo Fernández Lores estivo acompañado na mañá deste venres 17 no Concello por 54 alumnos de primaria do colexio Salvador Moreno, que o "asaltaron" a preguntas.
O motivo da visita, contaba unha das profesoras, é que os nenos coñezan o funcionamento do concello. Estes estudantes teñen que facer un traballo de clase sobre os servizos municipais pero, de antemán, os conceptos eran moi abstractos para eles. E por iso traían "moitas preguntas preparadas".
"O Concello é a casa de todos os pontevedreses e aquí temos que facer moitas cousas. Entre elas que a ciudade funcione o mellor posible", tentaba explicarlles Lores. "O alcalde sería como o director do colexio" continuou, "é o que se encarga de que todo funcione correctamente".
Sentados nas cadeiras ou mesmo polo chan, os estudantes levantaban a man para facer as súas "moitas preguntas", a maioría centradas na vida privada do alcalde. "Cantos anos tes?", "Tes fillos?", "Se non foses alcalde a que te dedicarías?", foron algunhas delas, ás que Fernández Lores respondeu con humor e paciencia. Contoulles que decidira presentarse a alcalde porque lle gustaba mellorar a cidade, pero que antes se dedicou a moitas cousas, entre elas a exercer de médico, pero que "as cidades tamén poden estar enfermas". Ávidos de sabedoría, os máis atrevidos quixeron coñecer canto cobraba como alcalde e se cando saía á rúa levaba escolta, ao que Lores asegurou que "cando teña que levar escolta para saír á rúa xa me retiro da alcaldía". E que cobraba o suficiente, afirmaba rindo.
Houbo outras preguntas non tan "infantís", nas que algúns estudantes deron "suxestións" de como podería mellorarse a cidade de Pontevedra, entre elas, e a que provocou as risas na sala de prensa, foi a dun neno, que con moita seguridade pediu ao alcalde que construíse un parque acuático porque, segundo explicou, temos auga dabondo aquí á beira do río.
Tamén houbo preguntas sobre os plans do futuro do alcalde, ou por que decidira presentarse de novo ás eleccións de 2019, o que deixou a Lores e á concelleira de Educación, que o acompañaba na visita, un tanto perplexos vindo de estudantes de primaria. Tampouco faltaron preguntas acerca do emprego preguntando como pretendían atraer empresas a Pontevedra.
"O alcalde sería como o director do colexio"
Para o representante da localidade pontevedresa, "temos unha cidade cunha alta calidade humana, e cun alto atractivo para os comercios". El planea seguir uns cuantos anos máis no cargo facéndoo o mellor que pode por mellorar esta cidade, e sen descanso. Porque nas súas palabras, "o alcalde non dorme, descansa".
Ao saír obsequióuselles cunha camiseta do Concello de Pontevedra que levaba impreso o loro Ravachol e símbolo da cidade, o cal moitos descoñecían ou non identificaron e referíanse a el como "aguia" ou "paxaro grande". E así concluía finalmente despois de case unha hora a visita ao Concello dos estudantes de Salvador Moreno.