Este venres día 25 de febreiro o alumnado de Infantil e Primaria do CEIP de Marcón (Pontevedra) percorreu os camiños da parroquia vestido de campesiño ao xeito do Entroido tradicional desta zona, e que neste colexio tentan rescatar para pór en valor a historia e costumes do lugar.
"Estamos tentando dende o colexio recuperar unha tradición de antes da Guerra Civil que era o Entroido de Marcón. O Entroido foise localizando nas distintas partes da parroquia, había un na Laxe, en Pintos, na Ermida... Mantivéronse así en auxe ata os anos 70. Despois empezou a decaer, tentaron mantelo ata os 90 pero a partir de aí foi difícil. Logo a Sociedade Antropolóxica Galega intentou recuperalo no 2014 pero non foron quen. E coincidiu que este ano o Concello de Pontevedra está facendo un traballo cos coles 'O teu cole na historia' e a nós nos debuxou Polo Correo do Vento un mural co Entroido tradicional. Entón aos nenos chamoulles moito a atención, preguntaban seguido, e decidimos en vez de traballar os peliqueiros, as madamas e os galáns facelo con noso Entroido", relata a mestra de 1º de Primaria Silvia Puga, quen confesa a súa emoción por recuperar este retallo da historia de Pintos, lugar do que é oriúnda.
A importancia de repoñer esta festa reflectíase na ilusión dos escolares pero tamén nas casas das xentes da parroquia de Marcón polas que os pequenos ían facendo parada para recoller o tradicional agasallo que adoitaba ser un alimento, bebida ou uns pouquiños cartos. No seu lugar, para adaptarse aos tempos pero tamén á situación sanitaria, o claustro do colexio decidiu que o "aguinaldo" fose en forma de alimentos non perecedoiros que despois levarán ao Comedor de San Francisco.
A primeira parada foi na Casa do Outeiro, no lugar de Pumariño, onde Eugenia Pazos recibía feliz aos nenos e aseguraba a PontevedraViva que nos seus 66 anos vivindo no lugar, "desde que nacín, toda a vida", nunca asistira a este Entroido. Na compaña de dúas amigas que teñen fillos escolarizados no CEIP de Marcón agardaba a chegada da comitiva. Deste xeito, Eugenia, a súa sobriña Yolanda e Leonor, amiga da súa filla, cumprían o ritual e facían entrega dun paquete de azucre, galletas, arroz, cola-cao e leite para o comedor benéfico.
A implicación dos veciños arrincou á volta das vacacións do Nadal. Durante dúas semanas, dous irmáns orixinarios de Pintos e que xa pasan dos 70 anos, Fina e Sesito (José) da Casa da Aldana, achegáronse ata o CEIP de Marcón para explicarlles aos escolares todos os detalles que lembraban da tradición, dos tempos nos que seu pai construía con pallas o boneco. Así foi como lles descubriron quen era Entroido, o nome da personaxe protagonista, "que está feito a partir dunha gaia de madeira, unha estaca á que se lle engaden as dúas pernas, vana revestindo con palla de centeo e despois o visten todo elegante con roupa dos labregos, pantalón branco, camisa branca, varios fulares, adornos, e un brazo metido no peto e outro estirado", sinala a mestra Silvia Puga.
A tradición marca que Entroido baile no medio da Compañía, que é como se lle chama á comitiva, que fai soar os axóuxeres cos que van enfeitados e unhas castañolas, que desta volta os escolares de Marcón crearon con materiais de reciclaxe. Os cánticos son variados, sempre a partir da entrada "Que viva". Continúa a melodía con vivas ao Entroido, á Compañía e á Casa na que se vai facendo parada.
Na xornada, os escolares dividíronse en dous grupos. Un co alumnado de maior idade (6º de Primaria) que percorreu a zona concreta do Entroido tradicional, no lugar de Pintos. E outro co alumnado de cursos inferiores que camiñou polos arredores do centro educativo polos lugares de Pazos, A Valadiña, Pumariño e Valadares. Todos atopáronse contra o mediodía no Campo da Festa de Marcón para desfrutar dunha merenda en grupos burbulla.