Os escolares de Poio aprenden sobre ecoloxía circular e rexeneración medioambiental

Poio
13 de novembro 2022

O alumnado dos CEIPS, do IES e da Escola do Vao participan estas semanas no programa de Ecoloxía Circular, organizado a través da Concellería de Educación. Familiarízanse cos beneficios do uso de microorganismos rexeneradores e destaca que esta iniciativa fomenta o coidado polo medio ambiente, un dos piares nos que se basea a campaña Poio En Verde

Programa de Ecoloxía Circular
Programa de Ecoloxía Circular / Concello de Poio

Un Poio cada vez máis verde e concienciado coa rexeneración medioambiental. Ese é o obxectivo final da última iniciativa do tecido asociativo da localidade. O alumnado dos centros educativos do municipio de Poio traballa desde hai semanas no programa de Ecoloxía Circular, a través do cal se busca concienciar ás xeracións máis novas de protexer os recursos naturais e a biodiversidade.

A iniciativa, impulsada desde a Concellería de Educación, traballa a través do uso e coñecemento dos beneficios dos microorganismos rexeneradores do hábitat no que se establecen e está a ter moita implicación do alumnado.

Os CEIPS e o IES de Poio e a Escola do Vao participan na actividade, realizada pola Asociación Cultural 'E.mai Ecoloxía Circular' ACEMEC.

A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, incide en que a concienciación social sobre o coidado e o respecto pola nosa contorna e o medio ambiente "comeza nas novas xeracións" e os nenos e nenas son "os perfectos transmisores dos valores e coñecementos que adquiren con esta actividade, ao compartilas coas súas familias".

Rodríguez e a tamén concelleira nacionalista Marga Caldas visitaron esta semana ao alumnado do CEIP Isidora Riestra, onde tivo lugar unha das actividades que forman parte deste proxecto.

O alumnado familiarízase cos microorganismos rexeneradores autóctonos, que son aqueles que se atopan nos bosques e que non están modificados pola actividade humana. Realízase unha recolección destes elementos, que vai precedida dunha charla explicativa sobre o seu uso e funcionamento e afóndase en cuestións como o problema que pode supoñer un uso excesivo de desinfectantes artificiais.

O alumnado tamén traballa na distribución nun espazo natural de bólas de arroz cocido, para que sirvan de soporte aos microorganismos rexeneradores. O programa inclúe tamén explicacións sobre a fermentación, con exemplos próximos e prácticos a través de obradoiros específicos.

O alumnado aprende tamén a aplicar estes elementos orgánicos, que poden utilizarse para a limpeza e desodorización de tubaxes e canalizacións, para lavar superficies ou pulverizar en zonas de cheiros ofensivos, como cociñas e baños,

O desenvolvemento e organización deste tipo de iniciativas e proxectos enmárcase dentro do programa Poio en Verde, impulsado neste mandato polo Concello de Poio, de xeito transversal a través das concellerías de Educación, Medio Ambiente e Deportes, co obxectivo de fomentar, coidar e impulsar zonas de esparcemento, ao tempo que se pretende concienciar sobre o coidado da contorna medioambiental e co cumprimento das pautas establecidas na Axenda 2030.