Os enterros do Bruxo, Mexillón, Berberecho e Fodorico prolongan un mes o Entroido de Poio

Poio
02 de febreiro 2015

Catro enterros e un entroido, a singularidade xeográfica do concello de Poio condiciona a celebración do seu Entroido que se desenvolverá dende o 15 de febreiro ata o 14 de marzo

Presentación do programa do Entroido de Poio
Presentación do programa do Entroido de Poio

Catro enterros e un entroido, a singularidade xeográfica do concello de Poio condiciona a celebración do seu Entroido que se desenvolverá dende o 15 de febreiro ata o 14 de marzo.

O programa da festa foi presentado este luns pola concelleira de Festas, Marga Caldas, que estivo acompañada por representantes das catro comparsas do municipio: Os Canecos, Clave de Sol, Samieira e 100tolos, esta última de recente creación.

A concelleira destacou que en Poio non existe un concurso de comparsas polo que todas recibirán unha axuda económica para soportar os gastos, que segundo comentaron os responsables das catro agrupacións superan os seis mil euros de media. "Aforramos noutras cousas pero para o Entroido non hai crise", dixeron as comparsas.

O programa arranca o domingo día 15 co desfile do Galo Bruxo, organizado pola Sociedade Cultural Deportiva de Samieira. Será ás 12.00 da mañá, con saída en Arén e chegada ao Campo de fútbol Río de Bois.

Para o martes 17, o Ateneo de Combarro está a preparar un baile infantil ás 16.30 horas no local da Comunidade de Montes. E o xoves 19, terá lugar en Combarro o enterro do Mexillón, ás 20.00 horas na Praza da Chousa.

O domingo 22 de febreiro a Asociación de veciños de Campelo organiza dende as 17.00 horas no Local social, un baile infantil de disfraces.

A Asociación de veciños de Lourido teñen previsto o Enterro do Berberecho para o sábado 28 de febreiro, con saída ás 20.00 horas do Peirao Besada e chegada ao aparcadoiro de Lourido. A festa concluirá cunha chocolatada.

O domingo 1 de marzo, en Raxó, a Sociedade deportiva Cultural anuncia un baile de disfraces de 17 a 19 horas no Centro cultural Xaime Illa.

O sábado 7 de marzo, en Samieira terá lugar o Enterro do Galo Bruxo, ás 20.00 horas, con saída de Arén e chegada ao campo de futbol Ría de Bois. Ao concluír celebrarase a Festa da Filloa.

O sábado 14 de marzo, será o Enterro do Galo Fodorico. O cortexo fúnebre sairá da praza do Mosteiro de San Xoán ás 20.30 horas e será incinerado na Praza de Arís. Ademais, as asociacións culturais Todos contra o lume (Arís) e Ronsel (Sartal) celebrarán a cuarta edición da Festa do Choqueiro cun concurso, con comida típica e amenización musical co Dúo Prisma e a actuación dun DJ.

O entroido rematará o domingo 15 de febreiro co desfile. A saída está prevista ás 16.45 horas dende a Praza da Granxa, pasando pola Rúa Castelao, Avenida San Xoán, Avenida Seara, 4ª Travesía, Seara, Camiño A Reiboa e A Seca. Ao concluír haberá unha actuación musical e entregaranse os premios.

Arquivado en