Os enfermeiros acusan a Sanidade de crear un grave problema asistencial na provincia de Pontevedra

Pontevedra
12 de novembro 2015

Segundo explicaron os máis de 3.800 profesionais de enfermería da provincia de Pontevedra non poderán usar nin indicar aos seus pacientes medicamentos suxeitos a prescrición médica sen a previa receita do médico, caso, por exemplo, das vacinas

Unha enfermeira vacinando unha nena
Unha enfermeira vacinando unha nena /

As responsables do sindicato de enfermería SATSE acusaron ao Ministerio de Sanidade de "traizoar e enganar" á profesión enfermeira de Pontevedra ao modificar, "no último momento", o texto do Real Decreto de prescrición enfermeira que acordara coa Mesa da Profesión.

Nunha rolda de prensa celebrada este xoves no Hospital Provincial de Pontevedra, a Secretaria Xeral Autonómica e Secretaria Provincial en Pontevedra, Carmen García Rivas e María Teresa Joaquín, Secretaria de Acción Sindical Autonómica advertiron que a nova normativa aprobada "deteriora a calidade asistencial que se ofrece aos cidadáns".

Segundo explicaron os máis de 3.800 profesionais de enfermería da provincia de Pontevedra non poderán usar nin indicar aos seus pacientes medicamentos suxeitos a prescrición médica sen a previa receita do médico, caso, por exemplo, das vacinas.

Isto levará unha peor atención aos pontevedreses xa que derivará en "máis esperas, máis consultas e máis xestións".

As portavoces de Satse indicaron que, unha vez se publique no BOE o Real Decreto, "o Goberno do PP pasará a pataca quente ás Comunidades Autónomas", polo que solicitaron unha reunión co conselleiro, Jesús Vázquez Almuíña, para solicitar o seu apoio na súa demanda de cambio do Real Decreto.

Carmen García Rivas e María Teresa Joaquín sinalaron que, unha vez entre en vigor a nova normativa, os profesionais de enfermería terán que modificar a súa forma de actuar se non queren ir contra a Lei e o seu propio Código Deontolóxico, porque, pola contra, supoñería un delito de intrusismo profesional, por asumir unha responsabilidade que non lle corresponde. Algo que, ademais, non estará cuberto pola póliza de responsabilidade civil.

Neste sentido anunciaron a celebración dunhas xornadas de responsabilidade civil en todos os centros sanitarios para que os profesionais enfermeiros coñezan as consecuencias do Real Decreto no que respecta á súa seguridade xurídica e actuación profesional.