Os empresarios pro ENCE celebran a "valiente" decisión do PP sobre a continuidade da pasteira

Pontevedra
31 de marzo 2015

Agustín Nogueira reiterou, por se había algunha dúbida, que o "principal objetivo" desta plataforma é que "Ence permanezca en Pontevedra". Trátase dunha postura, dixo, que parecía que compartían unicamente un "grupúsculo pequeño de empresarios", polo que celebra que os populares se sumen a Ciudadanos e Todos por Pontevedra -o partido de María Biempica- na defensa dos postos de traballo que xera a empresa

Xuntanza de Jacobo Moreira con membros da plataforma en apoio á industria
Xuntanza de Jacobo Moreira con membros da plataforma en apoio á industria / Mónica Patxot

Unha decisión "correcta y valiente", especialmente antes das eleccións municipais "por todos los efectos que eso pueda traer". Así cualifica o vicepresidente da Plataforma de apoio á Industria na Comarca de Pontevedra, Agustín Nogueira, o cambio de rumbo do Partido Popular sobre a continuidade de Ence na ría de Pontevedra, anunciado hai uns días polo seu candidato á Alcaldía, Jacobo Moreira.

Nogueira reiterou, por se había algunha dúbida, que o "principal objetivo" desta plataforma é que "Ence permanezca en Pontevedra". Trátase dunha postura, dixo, que parecía que compartían unicamente un "grupúsculo pequeño de empresarios", polo que celebra que os populares se sumen a Ciudadanos e Todos por Pontevedra -o partido de María Biempica- na defensa dos postos de traballo que xera a empresa.

En todo caso, os empresarios non rematan de fiarse. "Hasta que no vea nada firmado y esté todo clarito no dejaremos de luchar", insistiu o vicepresidente deste colectivo.

Estas declaracións realizáronse tras a reunión que mantiveron os empresarios con Jacobo Moreira, quen lles trasladou os motivos que levaron ao PP a cambiar a súa postura pública sobre este asunto. A eles animounos a contribuír a "regenerar" a aposta polo impulso á actividade económica de Pontevedra e "trabajar en la misma dirección" para atraer novos proxectos industriais ao municipio.

Este consenso sobre Ence repítese sobre Elnosa, pero a diferenza da primeira ambas as dúas partes teñen claro que a electroquímica "tiene que irse". Os empresarios, por boca de Nogueira, sinalaron que a empresa "tiene que cumplir unas medidas ambientales que ahora, al parecer, no están cumpliendo"; mentres que Moreira reiterou que o "sentir mayoritario" da cidadanía pontevedresa é que "deben buscarse una nueva ubicación".

"Me habría gustado haber llegado a ese mismo destino con Ence. Con ellos no fue posible, pero con Elnosa hay ya mucho avanzado", concluíu o candidato popular.