Os empresarios, a disposición da misión comercial a México tras aclarar "malos entendidos"

Pontevedra
01 de xuño 2017

Unha cuestión de "malos entendidos" que foron aclarados por ambas as partes. A iso reduciu o presidente de AEMPE, José María Corujo, a polémica que provocou a misión comercial impulsada polo Concello a México. Tras coñecer os detalles, asegurou que as tres asociacións empresariais da cidade -AJE, AEMPE e a Cámara de Comercio- "estamos a disposición" do Concello "en todo o que se poida facer en beneficio do noso tecido empresarial"

Reunión de Anabel Gulías con AJE, Aempe e a Cámara de Comercio
Reunión de Anabel Gulías con AJE, Aempe e a Cámara de Comercio / Mónica Patxot

Unha cuestión de "malos entendidos" que foron aclarados por ambas as partes. A iso reduciu o presidente de AEMPE, José María Corujo, a polémica que provocou a misión comercial impulsada polo Concello a México, despois de que as asociacións empresariais denunciasen falta de información e transparencia na súa organización.

Nunha reunión celebrada este xoves na Casa da Luz, a patronal e o goberno municipal "puxemos en común o malestar", segundo explicou a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías. A partir de aí, engadiu, entenderon que era un "debate estéril" e que esta situación "non era produtiva", polo que optaron por aparcar as diferenzas.

Tras coñecer os detalles da misión comercial a México, Corujo asegurou que as tres asociacións empresariais da cidade -AJE, AEMPE e a Cámara de Comercio- "estamos a disposición" do Concello "en todo o que se poida facer en beneficio do noso tecido empresarial". Así, cualificou como "moi interesante" esta reunión.

A partir de agora, explicou o responsable de AEMPE, as organizacións "trataremos de potenciar e impulsar" a participación dos seus asociados nesta misión comercial e "botaremos unha man" ante cuestións "puntuais" que axuden a favorecer a presenza destas empresas pontevedresas na viaxe. 

Pola súa banda, o novo presidente de AJE, Pablo Fernández, celebrou que grazas a esta vía de comunicación directa co Concello "xa teremos información de primeira man" para transmitir aos seus asociados.

Así, pensar organizar unha xornada informativa para que empresas que xa teñan experiencia no mercado mexicano "expliquen o que se van a atopar alí" as firmas que integren esta misión comercial.

Anabel Gulías destacou que ambas as partes saen con "deberes postos" para mellorar os trámites e as accións para lograr que esta misión "poida ter a maior difusión posible" e asegurou estar "encantada" de que as asociacións empresariais "se sumen ao equipo". 

A edil do BNG reiterou que o Concello está "aberto" a dialogar con todas as empresas que teñan interese en participar nesta misión e "aproveitar a rendibilidade" do modelo urbano, utilizando o "escaparate" que ofrece Pontevedra para "fortificar" o seu negocio e avanzar cara á súa necesaria internacionalización. 

Será unha vintena de empresas as que, inicialmente, acompañarán á expedición municipal encabezada polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. Terán "prioridade", aclarou Gulías, aquelas que teñan xa unha "liña aberta" co mercado mexicano "porque serán máis fáciles de encaixar" nesta iniciativa.

Arquivado en