Os emigrantes retornados buscan "maís xente que se una" á plataforma ante un novo calendario de mobilizacións

Pontevedra
24 de febreiro 2015

Tras o anuncio do Estado de devolver o importe das multas, os afectados esixen "que non se aplique a retroactividade" nas cotizacións que Facenda lles reclama relativas aos últimos anos. O mércores 4 de marzo a plataforma convocou unha concentración de protesta en Pontevedra

Rolda de prensa do colectivo de emigrantes retornados de Marín e Pontevedra
Rolda de prensa do colectivo de emigrantes retornados de Marín e Pontevedra / Mónica Patxot

O colectivo de emigrantes retornados de Marín e Pontevedra seguirá manifestándose ante o que consideran "unha inxustiza".

Tras o anuncio do Estado de devolver as multas impostas, os afectados esixen "que non se aplique a retroactividade" nas cotizacións que Facenda lles reclama relativas aos últimos anos polas pensións que perciben de países estranxeiros nos que traballaron.

"Non informaron ben e ningunha lei se aplica con carácter retroactivo", explica Esther Crespo, voceira da plataforma en Pontevedra.

Calculan que o número de afectados ascende a preto de 250.000 en Galicia, pero moitos deles non se sumaron ás plataformas. Por iso bucan que "máis xente se una" antes de iniciar un novo calendario de mobilizacións.

A primeira desas concentracións de protesta realizarase en Pontevedra en mércores 4 de marzo ante a sede Facenda.

A principal reivindicación dos emigrantes retornados pasa agora porque a presión fiscal "sexa a partir de agora e en igualdade ao resto de cidadáns", sinalou Crespo en relación á diferenza na cantidade mínima esixida para tributar en función de se se percibe retribución dun ou dous pagadores.